Turismo de Galicia consolídase como un dos colaboradores principais do circuíto mundial de surf ‘Pantin Classic Galicia Pro’

image_galleryTurismo de Galicia e o Clube Praia de Pantín asinaron onte a mañá un convenio de colaboración para a celebración da 28 edición do circuíto mundial da World Surf League, nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o Presidente do Clube Praia de Pantín, Miguel Ángel Galeiras Piñon e o Director Comercial, Marcos Rodríguez.

No ámbito do surf, tanto en Galicia como no resto de España, o certame ‘Pantín Classic Galicia Pro’ ocupa un lugar moi destacado, e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional. É o único evento de Surf Profesional Internacional que se celebra en España, un dos poucos que se celebra a este nivel en Europa e o terceiro mais antigo a nivel internacional.

Un ano máis, Turismo de Galicia colaborará na organización e promoción deste gran evento turístico-deportivo afianzándose como un dos colaboradores principais dun campionato que, ademais de posibilitar aos asistentes coñecer unha das nosas fabulosas praias aptas para a realización da práctica deportiva e posicionar a nosa comunidade como destino de surf, permitirá mostrar todo o encanto da Galicia costeira.

Así, durante a súa celebración, do 1 ao 6 setembro, ambos inclusive, a nosa comunidade acollerá aos mellores surfistas profesionais que se achegarán a Galicia dende todas partes do mundo. Actualmente xa hai lista de espera para a participación neste certame ao haber preto de 200 inscritos repartidos entre arredor de 130 na categoría masculina e mais de 70 na feminina

Durante o acto de sinatura do convenio de colaboración, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que a vixésimo oitava edición deste campionato situará a nosa comunidade no epicentro do turismo de surf a nivel mundial. “O nome de Pantín Classic Pro é mundialmente coñecido no mundo do surf polo que grazas a este campionato a Marca Galicia estará presente en innumerables medios especializado de todo o mundo”, afirmou.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que cada vez máis, a práctica de deportes náuticos constitúe un dos motivos fundamental dos viaxeiros á hora de elixir un destino e engadiu que “en Galicia temos as mellores condicións para atraer a eses viaxeiros e acontecementos como este axúdannos a difundir boa parte dos nosos reclamos fundamentais”.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, referiuse ao Anuario Estatístico Deportivo 2015 no que destacou o incremento a nivel estatal dos viaxes vinculados ao deporte e ao gasto producido nos mesmos. Lete concretou que segundo a enquisa de Familitur os viaxes vinculados ao deporte dos residentes en España subiron un 140% do 2009 ao 2013 e o gasto nun 130% nese período. En canto aos turistas internacional a porcentaxe de viaxes por motivos deportivos subiu do 13,7% no 2009 ao 15,5% no 2013.

Con estas cifras, o secretario para o Deporte, destacou que o deporte é un elemento esencial para o turismo e a economía galega e de aí a aposta conxunta entre Deporte e Turismo para a celebración deste tipo de evento.

Impulso do turismo deportivo
Nava Castro sinalou que o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle a promoción e apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos co obxectivo de cumprimentar a segunda liña da nosa estratexia turística relacionada coa oferta baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos.

Así, segundo explicou, entre as accións a impulsar configurase o apoio á organización de eventos deportivos en Galicia en base a criterios de impacto económico nos territorios, prestando unha atención singular a aquelas especialidades deportivas que poñan en valor os recursos naturais e culturais da nosa comunidade e ás que se poidan diferenciar como produto turístico propio.