TokApp: servizo de mensaxería para facilitar a comunicación entre escolas infantís e familias

  • A Consellería de Política Social presenta TokApp, un servizo de mensaxería para facilitar a comunicación entre o persoal das escolas infantís e as familias dos nenos e nenas
  • Esta ferramenta conta cunha aplicación web, dende a que o centro envía as mensaxes, e cunha aplicación móbil para smartphones na que as familias poderán recibir esas comunicacións
  • Todas as escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e da Axencia Galega de Servizos Sociais contarán coa aplicación. Na actualidade o persoal das mesmas está a realizar cursos de formación para coñecer o manexo do sistema

 

José Manuel Rey Varela, asisttiu á presentación da aplicación Tokapp School que se vai por en marcha nas escolas infantís da Rede Galiña Azul.

José Manuel Rey Varela, asisttiu á presentación da aplicación Tokapp School que se vai por en marcha nas escolas infantís da Rede Galiña Azul.

 

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe na escola infantil de Ames-Bertamiráns a aplicación TokApp, un sistema de mensaxería que permitirá aos centros comunicarse de xeito máis doado e rápido coas familias dos nenos e nenas que acoden ás escolas infantís da rede Galiña Azul, nas que se inscriben as escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e aquelas dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais. Alí, a empresa creadora da aplicación, TokApp School, realizou unha demostración técnica do funcionamento da mesma.

Esta innovación consta de dúas partes diferenciadas: a aplicación web, dende a que os profesores/as e o persoal do centro crean e envían as mensaxes; e a aplicación móbil, de descarga gratuíta en smartphones e outros dispositivos electrónicos nas que as familias poderán recibir estas mensaxes.

O sistema presenta múltiples vantaxes entre as que destacan a atención personalizada , o aforro de tempo e a facilidade de uso da aplicación. Ademais, permite rexistrarse de balde, sen amosar o número de teléfono e as notificacións envíanse a un ou varios destinatarios respectando sempre a privacidade dos datos persoais. TokApp tamén ofrece a opción de que a comunicación sexa bidireccional, de xeito que se o centro ou os profesores o requiren, os pais e nais poderán contestar á mensaxe enviada por parte do persoal do centro ao que asisten os seus fillos.

Para o seu correcto e eficiente funcionamento, a empresa propietaria da aplicación está a realizar cursos de formación a cada unha das direccións das escolas infantís. A día de hoxe, 15 escolas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e 44 escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais xa foron obxecto desta formación e en vindeiras datas a aplicación estará operativa en todas e cada unha das escolas infantís da Consellería de Política Social. Nun principio os administradores da aplicación serán ás direccións dos centros.

O conselleiro en funcións amosou a súa satisfacción pola posta en marcha desta aplicación, e destacou que “o avance das novas tecnoloxías nos últimos anos é unha evidencia á que non queremos dar as costas”. Por elo a Consellería de Política Social pón a disposición das escolas e das familias esta aplicación que “redundará no benestar e aforro de tempo dos pais e nais, pero sobre todo, no benestar e no coñecemento da evolución dos nenos e nenas nas escolas”, afirmou.

También te podría gustar...