• Viño, arte e solidariedade no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, na terceira edición de “Cata a arte”
Francisco González, Rosendo Fernández, María Mendoza, Felicísimo Pereira e Mª del Pilar Prieto

Francisco González, Rosendo Fernández, María Mendoza, Felicísimo Pereira e Mª del Pilar Prieto

 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acollerá a terceira edición de “Cata a arte”, na que todos os xoves, entre o 27 de outubro e o 1 de decembro, se celebrarán presentacións e degustacións de viños de seis adegas do C.R.D.O. Ribeiro, con accións culturais paralelas. Así o informaron na presentación desta mañá o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Francisco González; o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Felicísimo Pereira; a presidenta da asociación Síndrome Down Ourense, Mª del Pilar Prieto; e a pianista e compositora, María Mendoza. Esta celebración terá un carácter solidario posto que, tal e como explicou Francisco González, “os donativos recadados con esta actividade irán integramente destinados a favor da asociación Síndrome Down Ourense”.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” é “unha porta aberta á pluralidade, na que hoxe destaca esta iniciativa tan nobre, que mestura produtos ourensáns, por un lado os viños do Ribeiro, e por outro, a cultura e a arte que nos achega o Centro Cultural e os artistas participantes, todo elo cun marcado carácter solidario”.

“A filosofía desta iniciativa é sinxela e ao mesmo tempo moi gratificante, porque nela mesturamos un produto de calidade como é o viño do Ribeiro, con outros produtos de calidade no eido cultural, catas que se fan en salas de exposicións e que se complementan cunha actividade cultural. Van a realizarse os xoves, a partir do 27 de outubro ás 20.00 horas, no Centro Cultural”, explicou Francisco González, que asegurou que a media de asistentes por cata “é de 100 persoas”.

Felicísimo Pereira dixo que esta iniciativa “ten un elemento máis que é o de axudar a unha asociación e nesta terceira edición participarán seis adegas que van a presentar os seus viños con música, artes escénicas e poesía”. Pola súa parte, Mª del Pilar Prieto, agradeceu o apoio á asociación que a recadación obtida durante este ciclo será destinada “aos programas de Down Ourense, que leva a cabo desde hai máis de 10 anos, e que benefician actualmente a 56 persoas e as súas familias”. A asociación ten como filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado.

A programación comeza o vindeiro xoves, 27 de outubro, cata que correrá a cargo da Bodega Alanis e amenizada coa música de María Mendoza, quen adiantou que presentará o seu disco INTRO, inspirado nas Cantigas de Amigo de Martín Codax, e temas tradicionais da zona de Ourense. O día 3 de novembro, a adega participante será Viña da Cal coa poesía escénica de Lucía Aldao. O día 10 de novembro será a quenda das artes escénicas, coas bailarinas Marta Alonso & Paula Quintas, e a bodega Quinta do Rebolo. O xoves, 17 de novembro, a bodega participante será Pazo Casanova, amenizado coa música de jazz de Alex Salgueiro e Virxilio da Silva. Ao seguinte xoves, o día 24 de novembro celebrarase a cata coas Bodegas Cunqueiro e coa música de Pablo Seoane & Jose Manuel Díaz. Por último, o día 1 de decembro, os viños serán das Adegas Nairoa coa actuación de Blues do país.