Santa Baia de Banga, presentada una monografía

  • A Deputación de Ourense coedita unha monografía sobre Santa Baia de Banga
  • Asemade presentouse o número 14 da revista Porta da Aira, unha publicación periódica con contidos relativos á historia da arte ourensá
Jose Manuel García, Rosendo Fernández e Miguel Ángel González

Jose Manuel García, Rosendo Fernández e Miguel Ángel González

 

A Deputación de Ourense coedita xunto co Grupo Francisco de Moure, unha monografía sobre Santa Baia de Banga, de José Manuel García Iglesias (texto) e de Mani Moretón (fotos), que se enmarca dentro da colección de «Cuadernos Porta da Aira». A presentación desta publicación e do n.º 14 da revista Porta da Aira, tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do Grupo Francisco de Moure, Miguel Ángel González; e o autor do libro, José Manuel García.

A monografía sobre Santa Baia de Banga corresponde ao número 15 de «Cuadernos Porta da Aira» que son unha colección de libros que publica o Grupo Francisco de Moure formando un conxunto de pequenas monografías que van compendiando os valores de determinadas xoias de arte desta provincia que se queren poñer en valor. «Trátase dunha coedición que solicitou o Grupo á Deputación de Ourense e que foi aprobado, no concurso para edicións e publicacións publicadas no ano 2015», explicou Rosendo Fernández.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a labor que realiza o Grupo Francisco de Moure «como asociación cultural que ten por misión investigar, promover e divulgar principalmente a arte e a historia de Ourense».

Este novo «cuaderno» preséntase «cun texto directo e sinxelo», que pretende en certo modo «ser continuidade e contextualización do libro que presentei en 1984, El pintor de Banga», sinalou o autor, que dixo que Ourense «é unha das provincias máis importantes de España en patrimonio artístico, unha provincia na que conflúen sedes distintas con orixes para a produción artística moi varios». A primeira publicación desta colección data do ano 1998, cunha monografía sobre A Virxe Abrideira do convento de Santa Clara de Allariz.

Asemade presentouse o número 14 da revista Porta da Aira, unha publicación periódica con contidos relativos á historia da arte ourensá, «presentados desde o estudo rigoroso de especialistas na materia, para poder dar a coñecer as investigacións que se están a levar a cabo en temas de arte e patrimonio, permitindo que se coñeza mellor a riqueza artística da provincia de Ourense», destacou Rosendo Fernández.

Esta revista apareceu por primeira vez no ano 1988, e ata o 2011 publicáranse 13 números, polo que, Miguel Ángel González dixo que este novo número «ten moito valor porque rompeu coa maldición do número 13», e agradeceu á Deputación de Ourense «a súa colaboración con estas dúas publicacións que enriquecen os libros que falan de Ourense e que tanto aos ourensáns coma os de fóra, os poden animar a continuar convertendo esta provincia nun referente de cultura e beleza».

«Este número 14 continua coa filosofía coa que naceu este Grupo e esta revista, para que as obras significadas do noso patrimonio, non queden co silencio de non ter detrás unha referencia para quen quere saber máis», afirmou o presidente do Grupo Francisco de Moure.

Esta publicación está dedicada a Jaime Delgado e o Padre Damián, membros do Grupo desde os inicios, colaboradores da revista, e defensores do patrimonio e investigadores do mesmo.

También te podría gustar...