Román Rodríguez inaugura a mostra sobre cerámica castrexa en Galicia que se pode visitar no Centro de Interpretación de San Cibrao de Las Viñas

image_gallery (4)

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, efectuou hoxe un percorrido polas instalacións do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las e visitou a exposición que permanecerá aberta ao público ata o 30 de setembro. Baixo o título “A Cerámica Castrexa en Galicia: Investigación e recuperación”, o centro, no concello ourensán de San Amaro, acolle unha ampla mostra de réplicas cerámicas documentadas e representativas da produción rexistrada nos castros galegos de referencia.

Román Rodríguez salientou a importancia das pezas expostas na medida en que “nos falan da vida cotián dos nosos devanceiros, de situacións económicas e sociais concretas”.

A exposición castrexa −composta por un total de 68 pezas que dan conta da actividade cerámica rexistrada en 22 castros de toda Galicia− é o resultado final do proxecto de investigación levado a cabo pola Fundación Terra Termarum, a quen o conselleiro de Cultura e Educación lle agradeceu o labor realizado.

As cerámicas corresponden á Idade do Ferro en Galicia. Nestas pode observarse unha evolución desde a fase inicial deste período, con formas pouco sinuosas e fabricación manual; e evolucionando na fase media a unha produción cerámica de máis calidade, con paredes máis finas, pastas máis resistentes, e perfís máis sinuosos.

Xa correspondentes á fase final da Idade de Ferro, as pezas expostas reflicten ás tradicións oleiras diferenciadas entre a zona das Rías Baixas e a Conca do Miño, e comeza a ter personalidade propia a zona da Costa Setentrional.