• O conselleiro de Cultura e Educación salienta o firme compromiso da Xunta cos Camiños de Santiago do Norte, que se acredita nun investimento de preto de 12 millóns de euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria explicou onte no Parlamento galego os avances que o seu departamento ten acometido no eido da protección dos Camiños de Santiago, “un símbolo de orgullo e identidade” e “un recurso sustentable” −dixo−, lembrando seguidamente que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, leva comprometidos ou investidos preto de 12 millóns de euros nos Camiños do Norte desde 2009 até o día de hoxe.

Román Rodríguez explicou que desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural xa se teñen iniciado os traballos para unha delimitación definitiva do Camiño Portugués e que nos vindeiros meses de outubro e novembro comezarán as reunións previas á incoación cos distintos concellos polos que pasa esta ruta. Ademais, estímase para o vindeiro ano encomezar os estudos previos na ruta da Prata, coñecida tamén como Camiño Mozárabe e, en función das dispoñibilidades orzamentarias, no Camiño de Fisterra e Muxía. Finalmente, o conselleiro lembrou que a nova Lei prevé a incorporación do Camiño de Inverno como unha ruta principal do Camiño de Santiago.

el_camino1

Marco legal: a nova Lei de Patrimonio
Logo de explicar o marco legal vixente que afecta aos Camiños de Santiago e de concretar o xeito no que se establecen os procesos de protección das rutas xacobeas, o conselleiro destacou a forza legal que para eles terá a nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

A Lei, afirmou o conselleiro, supón “unha oportunidade para conservar, poñer en valor e dinamizar os Camiños de Santiago”. Trátase dunha normativa que procura o consenso con todos os actores implicados e que, loxicamente, será sometida ao preceptivo debate parlamentario nos vindeiros meses, “no que serán escoitadas e tidas en conta todas as achegas que redunden nunha mellora da protección do patrimonio cultural galego”, en palabras de Román Rodríguez.

Neste senso, o titular de Cultura explicou que a norma que está a tramitar o Goberno galego será o novo alicerce da política de protección, conservación, sensibilización e posta en valor en materia de patrimonio que se execute na nosa comunidade. Unha Lei máis adaptada aos requirimentos actuais, ao marco normativo internacional e á experiencia acumulada nestes anos.