• A Xunta reabre parcialmente ao tráfico hoxe a Ponte do Milenio, en Ourense
  • Habilitarase de forma provisional un carril para cada sentido da circulación na calzada de auguas abaixo da ponte, que está a ser obxecto de reparacións por parte da Axencia Galega de Infraestruturas
  • As obras consisten no selado das fendas e na aplicación dun revestimento de pintura acrílica nos pilonos para impedir a penetración de auga
  • Renóvase o sistema de iluminación, reparando e repoñendo todas as luminarias deficientes, ao tempo que se revisa completamente o sistema eléctrico
  • O proxecto inclúe a retirada da vexetación, limpeza de pintadas e canalización da auga cara aos sistemas de drenaxe

 

xunta-de-galicia-300x135A Consellería de Infraestruturas e Vivenda abre hoxe parcialmente ao tráfico a Ponte do Milenio, en Ourense, que está a ser obxecto de obras de reforma. Así, na calzada de augas abaixo, de xeito provisional, habilitarase un carril para cada sentido da circulación do tráfico.

Esta calzada é a máis próxima ás termas da Chavasqueira, e por ela se circula normalmente en sentido cara ao centro de Ourense, desde a glorieta da estrada N-525 (rúa Basilio Álvarez) cara a rotonda da estatua Nexus, na avenida Pardo de Cela.

A Xunta iniciou o pasado 11 de xullo a execución das obras de mellora desta infraestrutura, un contrato adxudicado a Extraco Construccións e Proxectos S.A por un importe de preto de 453.000 euros.

As obras consisten no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, estase a executar a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.

Así mesmo, retírase a vexetación e liques e canalízase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, o proxecto prevé a renovación do sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e cunha revisión completa do sistema eléctrico.

Estas accións teñen por obxecto poñer a punto e devolver toda a funcionalidade a unha infraestrutura estratéxica para a cidade, desde o punto de vista da mobilidade, pero tamén con atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade, da que senten convertido nun elemento representativo.