Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O decreto polo que se regula o funcionamento do Consello de Comunidades Galegas -órgano que representa os 500.000 galegos e galegas residentes fóra de España e a un número similar de residentes noutras comunidades autónomas- tense xa publicado no Diario Oficial de Galicia, que estipula o 7 de setembro como a data para a súa entrada en vigor.

O decreto fai efectiva e aumenta a participación activa das comunidades galegas desenvolvendo así o mandato do Estatuto de Galicia, que no seu artigo 7 recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra do territorio “o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento”.

Do Consello de Comunidades Galegas forman parte toda as comunidades galegas legalmente recoñecidas no mundo. Entre plenarios (que se celebran cada tres anos), está representado pola Comisión Delegada, que está formada por doce membros elixidos democraticamente, catro en representación de cada área xeográfica determinada: resto de España, resto de Europa, e América. O próximo plenario, que se celebrará nos vindeiros meses, entre outras misións, renovará este órgano.

Aspectos destacados
Entre outras novidades, refórzase o carácter representativo da Comisión Delegada, e achéganse os órganos de representación da diáspora á súa realidade actual. Isto conséguese pola actualización dos baremos de representación destas comunidades e a forma de elección dos seus representantes, facendo estes baremos máis próximos á realidade destas comunidades mediante a introdución do voto ponderado.

Así, no decreto publicado no DOG aclárase que “dada a gran diversidade existente no ámbito do asociacionismo das persoas galegas no exterior, o distinto nivel de representatividade da colectividade galega nos países de acollida, e a existencia de significativas diferenzas no número de persoas socias das en¬tidades, considérase necesario establecer, mediante a aplicación de varios parámetros, unha ponderación do voto das comunidades galegas no proceso de elección das que as representarán na Comisión Delegada, co fin de que a súa representatividade nela sexa o máis equilibrada posible”.

Ademais, na disposición adicional primeira concreta a aplicación e determinación do voto cualifica¬do das entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión. Igualmente, concrétase a incidencia deste voto cualificado na determinación do voto ponderado de que disporán as ditas enti¬dades neses procesos electorais.

Na disposición adicional segunda recóllese o mandato específico de procurar atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e de homes nos órganos de decisión. E, na disposición adicional terceira, sinálase que as actuacións dos órganos e co¬misións regulados non xerarán incremento das consignacións orzamentarias.

Outras novidades do texto hoxe aprobado é que regula como se desenvolven as sesións, comunicacións e relatorios durante os plenarios; protocoliza os procedementos de votación para elixir os membros da Comisión Delegada (ata o de agora non existía regulamento por escrito); establece que as comunidades galegas elaboren informes e consultas previos á aprobación polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia do recoñecemento da galeguidade ás entidades galegas asentadas fóra de Galicia; e describe outros aspectos organizativos internos, como quen, cando e como, e en que prazos debe convocar os órganos de representación.

Cómpre salientar que o decreto respecta e asume, nos aspectos que regula, as demandas dos propios representantes da diáspora. Na data actual existen en todo o mundo 156 entidades con recoñecemento no Rexistro da Galeguidade, das cales 108 son comunidades galegas.