Proxecto europeo Laces, impulso para a economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

  • Emprego lidera o proxecto europeo Laces para impulsar a economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
  • O obxectivo da iniciativa é levar a cabo programas piloto para a competitividade e fomento de empresas do sector
  • Coas actividades previstas preténdese dar apoio a máis de 350 empresas e emprendedores

xunta-de-galicia-300x135A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaria Xeral de Emprego, lidera o partenariado do proxecto europeo Laces: Laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social que ten como obxectivo impulsar o fomento e consolidación deste sector na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O que busca esta actuación é acadar un salto cualitativo na capacidade para xerar e fixar emprego de calidade para o que se testarán diferentes medidas de impulso ao sector. Neste senso, a través das actividades ou programas piloto contempladas no proxecto proponse o apoio a máis de 350 empresas e emprendedores do sector da Economía Social.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, vén de manter unha xuntanza coas entidades socias deste proxecto para seguir avanzando na súa concreción. Toca destacou que os retos principais de Laces van en consonancia coas liñas estratéxicas e políticas que está a impulsar a Xunta para o fomento da economía social e coas oportunidades e retos identificados no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. “O que queremos é fomentar un mercado económico e laboral conxunto en base a un sector en auxe como é a economía social e colaborativa”, subliñou.

Ademais de impulsar a creación e consolidación de empresas, Laces propón un conxunto de accións enfocadas a visualizar e difundir a economía social a través da identificación de oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes como as TIC, o biotecnolóxico, as industrias culturais e creativas ou a explotación de recursos do espazo transfronteirizo. Así mesmo, busca reforzar e mellorar a capacitación do talento humano favorecendo a adquisición de habilidades e competencias empresariais mediante estratexias baseadas na cooperación empresarial, as experiencias de traballo e a formación no sector da economía social.

Laces foi presentado á convocatoria do programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020. No proxecto, ademais da Xunta, participan as universidades de Santiago e de Tras os Montes e Alto Douro; Tecminho; a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho, a Agência de Desenvolvimento Rexional do Vale do Ave e as asociacións de economía social de Galica Ugacota, Agaca e Aesgal.

También te podría gustar...