• A Xunta de Galicia pon a disposición de establecementos e firmas comerciais e de servizos a posibilidade de adherirse á Tarxeta Benvida
  • O obxectivo é ofrecerlle ás familias titulares deste recurso unha mellora dos seus beneficios ao presentala nos establecementos que se sumen a esta iniciativa

image_gallery8

 

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, vén de convocar un procedemento de adhesión ao desenvolvemento do programa Tarxeta Benvida. A finalidade desta iniciativa é ofertarlle ás familias titulares da mesma unha ampliación e mellora dos seus beneficios ao presentala nos establecementos que se sumen a este programa.

Neste programa poderán participar todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan oficinas ou establecementos na Comunidade Autónoma. Os participantes fixarán as vantaxes que terán os beneficiarios da Tarxeta Benvida a través de descontos, ofertas especiais ou obsequios, entre outros, sempre e cando se axusten aos obxectivos da Tarxeta. As peculiaridades deste proceso poden consultarse na páxina web da Consellería de Política Social.

A Tarxeta Benvida é unha das accións de dinamización demográfica que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN-Galicia), que persegue dar respostas ás necesidades das familias, garantir o seu benestar e apoialas de maneira integral e continua. En concreto, trátase dunha axuda económica destinada ás familias que este ano 2016 teñan un fillo/a ou adopten un neno/a menor dun ano, co fin de contribuír a sufragar os gastos derivados da súa crianza durante o primeiro ano de vida.

A devandita axuda faise efectiva a través dunha tarxeta moedeiro que se pon a disposición das familias e que se carga cunha contía de 100 euros mensuais durante os primeiros doce meses de vida do neno/a, sendo pois a contía total da axuda de 1.200 euros. A dita tarxeta serve para a compra de produtos de necesidade básica para o neno/a como leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene e produtos farmacéuticos; e poderase empregar en farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.