Presentados aos empresarios do Polígono do Vinteún os novos programas de axuda

  • A delegada territorial en Ourense reuniuse coa xunta directiva da asociación empresarial para escoitar as súas propostas e lles trasladou as principais actuacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten activadas xa preto do 70 por cento das liñas de axudas
  • O Igape vén de abrir convocatorias por 22 millóns de euros para apoiar investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0 e para o eido da internacionalización mobilízanse 9,5 millóns
  • A Xunta destina máis de 9,5 millóns de euros á eficiencia enerxética da industria galega achegando os procesos produtivos á fábrica
  • Na área de emprego están activas liñas que suman 100 millóns nas que se priorizan os colectivos máis desfavorecidos ou con menor empregabilidade

14116 empresarios Vinteún

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao presidente da  Asociación de Empresarios do polígono do Vinteún, na cidade das Burgas, José Lorenzo Ribagorda, e a outros membros da xunta directiva co obxectivo de escoitar as súas propostas e trasladarlle as principais liñas de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten abertos xa neste primeiro mes de ano preto do 70 por cento dos programas de axudas para este ano, en eidos como o fomento de emprego, os investimentos, a innovación, a internacionalización ou a eficiencia enerxética.

Na xuntanza, solicitada pola asociación, Díaz Mouteira ofreceulles colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado no desenvolvemento deste recinto industrial no que están emprazadas 20 empresas e avaliáronse diferentes medidas para continuar a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas, e a creación de postos de traballo de calidade.

A máxima representante do Executivo galego en Ourense informou aos representantes dos empresarios do polígono do Vinteún que o Igape vén de activar programas de apoio por 22 millóns para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0.  Ademais, destacou a importancia da internacionalización para incrementar a competitividade das pemes galegas polo que subliñou que a Xunta destina 9,5 millóns ás convocatorias para respaldar as estratexias de promoción exterior impulsadas por pequenas e medianas empresas, asociacións e clústers empresariais, así como aos apoios para a contratación de xestores en internacionalización en empresas galegas.

Na reunión tamén se abordaron os programas á disposición das empresas para impulsar a innovación, entre o que se destacou o Conecta Pemes, cuxa terceira edición suma 25 millóns de euros e o prazo para solicitar esta axuda remata o vindeiro día 22 de xaneiro.

Marisol Díaz tamén informou de que Economía, Emprego e Industria ten posto en marcha, un ano máis, a liña destinada a promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos. “Un programa que multiplica por seis o seu orzamento acadando os 9,5 millóns de euros e que permitirá diminuír custos e gañar competitividade no camiño cara a fábrica intelixente” destacou a delegada territorial, ao tempo que lles lembrou que as empresas interesadas en impulsar este tipo de iniciativas  poden presentar a súa solicitude desde mañá, venres 15, ata o 29 de febreiro.

100 millóns para apoiar o emprego

Díaz Mouteira resaltou que na área de Emprego están activas axudas por preto de 100 millóns de euros, destinadas tanto ao mundo da empresa como a entidades locais, nas que se priorizan os colectivos máis desfavorecidos ou con menor empregabilidade .

No encontro, a delegada territorial convidou aos empresarios a empregar as diferentes ferramentas ao seu dispor para continuar creando riqueza e emprego.

Os empresarios do polígono ourensán do Vinteún, ademais de tomar nota de tódolos programas de axudas dos que se poden beneficiar, durante o encontro expuxéronlle á  representante da Xunta na provincia diversas demandas relacionadas coa mellora das infraestruturas, servizos e dotacións desta zona industrial.

 

14116 Empresarios 21

También te podría gustar...