• A Deputación de Ourense edita unha guía de fútbol como homenaxe a este deporte provincial
  • Baixo o título “Ourense a provincia termal 2015-2016” a revista recolle información de todos os clubs de fútbol da provincia dende Terceira División a Terceira Autonómica, con inciso en conxuntos femininos e de base
Presentación da Guía de Fútbol Ourense, a provincia termal 2015-2016

Presentación da Guía de Fútbol Ourense, a provincia termal 2015-2016

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar presentou esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” unha Guía de Fútbol Provincial “Ourense, a provincial termal 2015-2016” na que están presentes todos os clubs da provincia de Ourense dende Terceira División a Terceira Autonómica, con inciso en conxuntos femininos e de base. No acto tamén estivo presente o deputado provincial de Deportes, Juan Anta e o responsable de Social Media Sports, Javier Taboada Valdés.

Manuel Baltar destacou a importancia desta guía por ser “unha homenaxe ao fútbol provincial” pois nela están presentes os equipos da provincia das distintas categorías, o fútbol feminino e cada un dos xogadores e xogadoras polo que “considero que é unha cuestión sentimental importante no que tamén se da conta de toda aquela xente que partido tras partido se entregan aos seus cores que teñen que ver coas localidades da provincia” asegurou Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense apoia a esta publicación que “contribúe sen dúbida ao relanzamento da actividade deportiva do deporte rei, que é o fútbol e sobre todo, esa vinculación que fai entre o deporte e o termalismo” afirmou o presidente do ente provincial.

A publicación ten unha tirada de 1.000 exemplares e o seu prezo é de 3 euros. O diñeiro recadado desta guía irá destinado a fins solidarios.

Social Media Sports son os encargados de realizar esta guía para a que “realizamos un estudio de mercado no que vimos que Ourense é unha provincia no que o fútbol provincial move cada fin de semana a máis de 5.000 persoas entre adestradores, xogadores, árbitros…” asegurou Javier Taboada.

Os obxectivos desta guía son poñer a disposición de todo mundo, toda a información sobre o fútbol provincial e ademais, explotar o turismo da nosa provincia coa marca “Ourense, a provincia termal”.

A revista tamén recolle entrevistas con personalidades vencelladas co fútbol de Ourense, estatísticas da pasada campaña, calendarios e a opinión de xornalistas deportivos da cidade.