Presentación da II andaina «Serra Mosteironda»

  • A II andaina «Serra Mosteironda» recupera antigos sendeiros de Velle
  • Este evento deportivo celebrarase o vindeiro domingo, 30 de outubro

 

Rosendo Fernández, Francisco Sotelo, David Hermida e Bernardino González

Rosendo Fernández, Francisco Sotelo, David Hermida e Bernardino González

 

O Concello de Velle acollerá o vindeiro domingo, 30 de outubro, a segunda edición da andaina «Serra Mosteironda», organizada pola asociación de veciños Santa Marta desta localidade, coa que se recuperarán antigos sendeiros do municipio. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o presidente e o vogal da asociación de Veciños Santa Marta de Velle, Francisco Sotelo e David Hermida, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta actividade que mestura «deporte, saúde, gastronomía e turismo», dixo Rosendo Fernández, quen agradeceu o labor que realiza a asociación ao desenvolver «este tipo de iniciativas que poñen en valor o territorio», mentres que Bernardino González salientou a importancia de «fomentar estas actividades que promoven a saúde a través do deporte».

O presidente da asociación de veciños Santa Marta de Velle explicou que esta andaina é «unha actividade importante dentro da asociación, que levamos a cabo co fin de dinamizar a parroquia de Velle para que a xente de fóra e incluso do pobo, coñezan camiños, zonas e paseos que practicamente estaban abandonados e que coa andaina se poñen de novo en valor».

En canto á proba deportiva conta con dous traxectos, un longo de 18 quilómetros, e un curto de 10 quilómetros «cun percorrido accesible para calquera persoa porque non ten moita esixencia e a través do cal, os participantes poderán gozar das magníficas vistas e zonas que ofrece o municipio», dixo David Hermida. A saída da proba terá lugar ás 9.30 horas, na área recreativa O Palao.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro venres, 28 de outubro, e o custo da inscrición é de 5 euros que inclúe ademais da andaina «dous avituallamentos, un obsequio, e aperitivos ao finalizar a proba», afirmou Francisco Sotelo.

En canto ao número de participantes, o presidente da asociación asegurou que «tendo en conta que na primeira edición contamos con 160 persoas, nesta ocasión esperamos chegar aos 250 participantes».

También te podría gustar...