Presentación da obra Embalaxes, de Leandro Sánchez

 

A sala de exposicións do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estrea nova exposición, “Embalaxes”, de Leandro Sánchez. A inauguración da mostra terá lugar mañá mércores, ás 20.15 horas, no Centro Cultural. O acto de presentación contou hoxe coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e o artista Leandro Sánchez.

César Fernández manifestou que a exposición “ten unha gran beleza plástica e ademais xoga coa figura do que sempre está presente na obra de arte pero no transporte, o embalaxe, ese velo que cubre a obra e que garda no seu interior un segredo”.

Leandro Sánchez explicou que a inspiración para esta obra chegáralle hai uns anos, “un día aburrido no taller que non saían as cousas como quería e un dos cadros que me levaron para restaurar quedara nun recuncho e estaba medio embalado, e de aí xurdiu a idea de converter aquilo en motivo de pintura”.

Na exposición de Leandro Sánchez pódense ver obras propias cubertas con embalaxe pero tamén obras mundialmente recoñecidas, o motivo, tal e como afirmou o artista, débese a que o cadro “que me trouxeran a restaurar era un Miró, que naquel momento estaba vivo, e chocoume que mo trouxeran a min e non a el, cando quixen facer esta exposición fixera cadros ca miña pintura pero, decidín facer tamén con pintores coñecidos, cadros de pintores falecidos que son os que realmente se poden ter que restaurar antes cos meus”.

Pola súa banda, Rosendo Fernández, daba comezo a un novo curso no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, “estamos satisfeitos de que Leandro Sánchez que expuxo por moitos lugares de Ourense, Galicia e España, inicie o curso cultural neste lugar”. En canto á exposición, o vicepresidente da Deputación de Ourense afirmou que se trata de “obras desembaladas cun homenaxe ás cousas sinxelas, magnificamente expresadas polo artista”.

Leandro Sánchez naceu en Palma de Mallorca onde realizou os estudos de Belas Artes e Historia, así como, técnicas de pintura e modelado. Despois de 43 anos de aprendizaxe e oficio na restauración, pasou a ser o responsable das restauracións levadas a cabo no Museo de Santa Teresa en Ávila. En 1999 abandona o mundo da restauración para embarcarse no mundo da pintura. Despois de varios anos pintando realismo, evolucionou para pintar abstracto e colocar detalles de realismo en cada obra.