• Feijóo expresa o seu desexo de que a Feira do Cocido de Lalín obteña o recoñecemento oficial internacional que se merece
  • O titular da Xunta presidiu o acto de entrega do premio Aldea Singular, que se celebra no marco da XLVIII Feira do Cocido
  • Afirma que a comarca do Deza se converteu nun símbolo universal da man do neno labrego de Xosé Neira Vilas
  • Pon en valor as tradicións, que lonxe de ser un atranco foron a resposta do pobo a unha necesidade
  • Subliña que a aldea galega é un centro de solidariedades, un sentimento grazas ao cal Galicia foi quen de superar todas as eivas que lle deparou o destino

tg_carrusel_cabecera_grandeO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe, durante o acto de entrega do premio Aldea Singular, que se celebra no marco da XLVIII Feira do Cocido de Lalín, o seu desexo de que esta festa gastronómica obteña o recoñecemento oficial internacional que se merece e que xa lle deron “oficiosamente moitos visitantes chegados dos lugares máis diversos”.

Nese sentido, fixo referencia a que son moitos miles os visitantes propios e foráneos que descubriron esta vila vital, que se recrea sen perder o seu compoñente aldeán; e mencionou tamén a todos os artistas plásticos que deixaron a súa pegada no cartel promocional, os pregoeiros, a todos os comendadores e aos moitos intelectuais e creadores que participaron nela.

“Os galegos non nos reunimos para comer o cocido, senón que comemos o cocido para nos reunir”. Así, indicou que tradicións como esta, lonxe de ser un atranco, foron a resposta do pobo a unha necesidade, e así hai que velas, respectalas e melloralas.

Por outra banda, o titular da Xunta sinalou que a aldea galega é un centro de solidariedades onde a persoa necesita do grupo, e o grupo precisa as persoas. “Un sentimento grazas ao cal Galicia foi quen de superar todas as eivas que lle deparou o destino”.

image_gallery (1)Do mesmo xeito, Feijóo lembrou que a infancia da gran maioría dos galegos está unida a unha aldea, a unha patria pequena, chea de seres queridos e dunha paisaxe humanizada. “Galicia é un país aldeán, pero que ninguén pense que iso é unha desvantaxe, senón todo o contrario”, dixo, porque o mundo intercomunicado no que agora vivimos “precisa dun valor esencial que aprendemos na aldea, o sentido de comunidade”.

Ademais, o mandatario galego destacou que este recoñecemento ten un significado adicional nunha comarca coma a do Deza, que se converteu nun símbolo universal da man do neno labrego de Xosé Neira Vilas. “Un libro que transforma en heroe a un humilde cativo de aldea” e nos dá a entender que ese san aldeanismo é sentido por moitos pobos, culturas e linguas.