Plan Proxecta: nove novos programas

  • A Xunta incorpora 9 novos programas ao Plan Proxecta
  • A Consellería de Cultura e Educación abre hoxe o prazo para inscribirse na convocatoria do curso 2016/17, na que funcionarán un total de 41 programas adscritos a distintas entidades do Goberno galego
  • O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos

 

xunta-de-galicia-300x135A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre hoxe o prazo para que os centros educativos soliciten participar no Plan Proxecta, o paraugas no que se insiren os programas educativos que impulsan os diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Neste curso 2016/17 incorpóranse á iniciativa 9 novos programas, ata sumar un total de 41 inseridos no Proxecto; todos eles co fin de afondar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o sábado 15 de outubro. A convocatoria pode consultarse neste enlace.

Novidades
Este curso 2016/17 incorporáronse nove novos programas, dos que tres son impulsados por Cultura e Educación: ‘Proxectos de innovación en dinamización lingüística’ é un programa de fomento da innovación nos impulsos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento cultural que garanta a plena competencia comunicativa; ‘Cined’, para o fomento do coñecemento do patrimonio audiovisual europeo; e ‘Educación en valores e cidadanía global’, de promoción e defensa dos dereitos da infancia e do exercicio da cidadanía global e responsable.

Outras tres das nove iniciativas novas son impulsadas polo departamento de Política Social. ‘Voluntariado miúdo’ promove a adquisición de competencias a través de proxectos de acción voluntaria que permitan fortalecer a educación en valores solidarios dende realidades concretas adaptadas ás idades do alumnado, mentres ‘Aulas I+I’ é un programa que desenvolve estratexias a prol da inclusión das persoas con capacidades diferentes nas aulas. Pola súa parte, ‘Conecta Cultura’ ofrece un marco de reflexión e acción para dotar de ferramentas didácticas a abordaxe positiva da multiculturalidade co fin de convertela en interculturalidade.

Desenvolvido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ‘+Comunidade’ é un proxecto de intervención socioeducativa centrada no coñecemento, análise e actuación práctica, desde unha perspectiva cooperativa e de xénero, sobre as problemáticas socioambientais locais e a súa relación co contexto global, coa finalidade de xerar alternativas concretas de actuación entre o alumnado e o profesorado para a construción dunha cultura máis sostible.
‘Moitavista na Escola’, da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como fin sensibilizar o alumnado sobre a importancia da prevención de riscos asociados á contorna escolar e promoción de condutas seguras e saudables; mentres que ‘Xente con Don’, da de Sanidade, é un programa de prevención de prácticas sexuais de risco na mocidade e loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas por infeccións de transmisión sexual.

Nova orientación
Ademais destas novas incorporacións, reformuláronse distintos programas co fin de darlle un maior aproveitamento ao traballo por proxectos e á cooperación interinstitucional. Deste xeito ofértanse renovados ‘Aliméntate ben’, que afonda no tratamento dos principios alimentarios coa participación da Consellería de Sanidade; e ‘PDC – Centros activos e saudables’, que unifica os programas de vida activa a través dun único programa deportivo con distintas modalidades no seu interior. Tamén se reformulan ‘Protexe o teu medio’ e ‘Quérote+’, co fin de mellorar os seus obxectivos.

También te podría gustar...