• A Deputación promove o programa “Ourense Líder”, para prácticas laborais de universitarios ourensáns en empresas de Estados Unidos
  • Manuel Baltar presentou hoxe esta iniciativa de bolsas internacionais, xunto co presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, e a vicepresidente da CEO, Rosa María Sánchez Gándara
  • O programa ten como obxectivo a formación de xóvenes emprendedores no ámbito do liderado profesional en sectores como Economía, Humanidades, Xornalismo, Administración e Ciencias Políticas, Dereito, Saúde e Relacións Internacionais
  • O goberno provincial destina un orzamento de 100.000 euros para este programa, que permitirá aos primeiros bolseiros realizar a súa formación e prácticas laborais no último trimestre deste ano en empresas e organismos dos máis importantes do mundo, situados en USA

2

 

A Deputación de Ourense promove o programa “Ourense Líder”, unha iniciativa do goberno provincial que ten como finalidade impulsar as prácticas laborais de universitarios ourensáns en empresas e institucións de Estados Unidos para favorecer a formación de xóvenes emprendedores ourensáns e contribuír ao desenvolvemento das súas calidades de liderado. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe esta iniciativa, xunto co presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, e a vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense, Rosa María Sánchez Gándara.

O programa ten como obxectivo a formación de xóvenes emprendedores no ámbito do liderado profesional en sectores como Economía, Humanidades, Xornalismo, Administración e Ciencias Políticas, Dereito, Saúde e Relacións Internacionais. Neste sentido, a Deputación destina no seus orzamentos de 2016 un total 100.000 euros para este programa, que permitirá aos primeiros bolseiros iniciar a súa formación e prácticas laborais no último trimestre deste ano en empresas e organismos dos máis importantes do mundo, situados nos Estados Unidos.

A Deputación de Ourense leva a cabo o programa en colaboración coa Fundación Advanced Leadership, explicou Manuel Baltar, quen afirmou que xa informou desta iniciativa a directivos das empresas ourensáns líderes nos seus respectivos sectores, así como á Universidade de Vigo, pola importancia que tanto no ámbito formativo como laboral ten este programa para os xóvenes titulados universitarios da provincia de Ourense que desexen formarse no ámbito do liderado profesional en sectores económicos e empresariais.

Esta iniciativa do goberno provincial contempla unha estancia de cinco meses en Estados Unidos realizando prácticas profesionais en empresas pertencentes a Forbes 500, organizacións gubernamentais e institucións sen fins de lucro. O programa inclúe o aloxamento dos participantes en residencias para xóvenes profesionais, con outros estudantes procedentes doutras partes do mundo, o que lles permitiría vivir nun ambiente multicultural e multinacional e achegarse a unha rede de contactos con futuros líderes doutros países. As prácticas profesionais estarían acompañadas de seminarios e cursos de liderado e integración cultural.

Manuel Baltar subliña que esta iniciativa, xunto coa misión comercial de empresas USA a Ourense, que terá lugar nos vindeiros meses, “supón valor engadido e promoción internacional para a nosa provincia”, e destaca que a Deputación “actúa como colaborador necesario cos emprendedores e o empresariado, e recoñece o apoio da Cámara de Comercio e da Confederación Empresarial de Ourense a esta e outras iniciativas que promovemos para seguir fortalecendo entre todos a “marca Ourense”.

O programa de bolsas “Ourense Líder” vai dirixido a xóvenes titulados universitarios menores de 29 anos, con dotes de liderado, que estean empadroados na provincia de Ourense e que teñan aló menos un nivel “Advanced” de inglés ou máis de 600 puntos na proba estandarizada escrita TOEFL, do idioma inglés. O programa encargarase dos trámites de visados de traballo nos Estados Unidos, seguro médico, cursos académicos, xestión de prácticas profesionais e temas relacionados coa viaxe e o aloxamento.

“Agardamos que, cando regresen a Ourense, estes xóvenes incorporen aos seus postos de traballo na nosa provincia as habilidades e coñecementos adquiridos, o que representará un valor destacado en formación do capital humano estratéxico para Ourense”, concluíu Manuel Baltar.

A Fundación Advancer Leadership, que colabora coa Deputación de Ourense neste programa, é unha organización sen ánimo de lucro situada en Washington DC, comprometida co desenvolvemento das competencias de liderado nos xóvenes. Conta cun consello de asesores entre os que se atopan Juan Verde, presidente; Michael Dukakis, Francisco Sánchez, Alan D. Solomont e Manuel Ortiz.