Oferta pública de emprego do Sergas, 401 prazas convocadas

  • Negociada a convocatoria e baremos da oferta pública de emprego do Sergas de 2016
  • O número de prazas convocadas é de 401
  • Trátase de 46 categorías/especialidades distribuídas en seis convocatorias

 

O edificio administrativo da Consellería de Sanidade, en San Lázaro, acolleu hoxe pola mañá, baixo a presidencia da directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Margarita Prado Vaamonde, unha reunión da Comisión técnica da OPE e a xuntanza extraordinaria da Mesa Sectorial de Sanidade, co obxectivo de negociar a convocatoria e baremos da Oferta Pública de Emprego do Sergas de 2016. A convocatoria aprobouse co voto favorable de CEMS-OMEGA, UXT e SATSE.

O número de prazas convocadas é de 401, das que 284 corresponden á OPE de 2016 e 117 á OPE de 2015. Separadas por categorías, 268 prazas son de facultativo especialista de área; 3 de médico de admisión e documentación clínica; 8 de médico asistencial do 061; 12 de médico coordinador do 061; 36 de médico de urxencias hospitalarias; 15 de odontólogo de atención primaria; 10 de pediatra de atención primaria; 3 de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información; 9 de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información; 21 de técnico superior en prevención de riscos laborais; e 16 de traballador social.

Trátase de 46 categorías/especialidades distribuídas en seis convocatorias. O primeiro bloque é o de todas as especialidades de facultativo especialista de área. O bloque 2, médico de urxencias hospitalarias e médico coordinador do 061. O bloque 3, médico de admisión e documentación clínica. O bloque 4, odontólogo e pediatra de atención primaria. O bloque 5, técnico de prevención de riscos laborais; e o bloque 6, traballador social e informáticos.

Novidades

Catro son as novidades respecto de procesos anteriores. En primeiro lugar, as medidas de protección do menor, coa inclusión como requisito de acceso o non ter sido condenado por sentenza firme por delito contra a liberdade e indemnidade sexual.

En segundo lugar, a inclusión de medidas de conciliación da vida familiar e laboral, como o desprazamento ao centro sanitario de aspirantes xestantes ingresadas na data do exame. Así, recóllese expresamente na convocatoria o desprazamento dunha delegación do tribunal cando a interesada comunica o seu ingreso hospitalario cunha antelación mínima de 5 horas á fixada no Diario Oficial de Galicia como hora do inicio das probas. Ademais, terán una puntuación específica os aspirantes que acrediten, nos últimos cinco anos, unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares.

A terceira das novidades é a potenciación no baremo da valoración da experiencia dos profesionais nas categorías de acceso. Ademais, co fin de fomentar a promoción profesional, valorarase a experiencia en todas as categorías estatutarias da mesma ou distinta área funcional.

Finalmente, a cuarta das novidades fai referencia á promoción da investigación e da docencia coa valoración, en concepto de experiencia, dos servizos prestados como persoal titulado superior investigador que desenvolva a súa actividade investigadora no ámbito das ciencias da saúde por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas. Ademais, pola necesidade estratéxica de potenciar e recoñecer o labor docente no Sergas, se incrementa no baremo a puntuación da docencia de formación especializada (xefe de estudos, titor e colaborador docente).

También te podría gustar...