• Unha exposición recolle o traballo das diferentes escolas da Deputación
  • Rosendo Fernández salienta o esforzo do ente provincial e o compromiso “coa tradición, cos nosos valores e co noso patrimonio”

0 0 0 RF camio cheo de vida

 

A Deputación de Ourense rende homenaxe ás diferentes escolas que dependen da institución cunha exposición no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e que titula Un camiño cheo de vida, en alusión á lonxevidade dalgún dos seus centros e á vitalidade dos mesmos.

Esta mostra, que se poderá visitar ata o día 19 de xuño, foi inaugurada onte polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, que estiveron acompañados dos directores dos diferentes centros formativos.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández,  puxo de manifesto “o esforzo da institución con estes centros formativos e o compromiso coa tradición, cos valores esenciais da nosa cultura e do noso patrimonio”.

Desta maneira, a Escola de Gaitas, que engloba iconos como a Real Banda de Gaitas ou o Museo da Cornamusa, presenta na mostra algunha das pezas máis orixinais do seu patrimonio, xunto con gran número de publicacións (tanto de investigación –Anuario da Gaita- como de difusión con discos da agrupación musical). Tamén aparecen referencias á Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que organiza anualmente.

As publicacións de investigación tamén están presentes no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo “Xocas”, desde onde se coordina a edición da revista “Raigame” de cultura popular. A propia romaría Raigame -que se celebra o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes- os cursos de teares, o museo do traxe ou os xogos tradicionais, son outros dos elementos vencellados á que era antes coñecida popularmente como Escola de Danza e onde naceu o grupo Castro Floxo.

O Obradoiro de Instrumentos mantén a súa aposta pola formación de artesáns para elaborar instrumentos de música tradicional e presenta tamén, os seus traballos de investigación, coa recuperación e construción dos instrumentos representados no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

Finalmente, a Escola provincial de Artes e Oficios, realiza unha mostra dos traballos máis salientables dos alumnos deste centro que ten máis dun século de vida. Hai singulares referencias dos traballos de debuxo, os cadros dos alumnos de pintura, as obras en madeira dos matriculados en talla, as esculturas en barro e as pezas de oleiría, tanto tradicional como artística, feitas ao longo deste curso académico, que remata a finais de xuño.

Cartel

Cartel