O programa voluntariado dixital da Xunta pon en marcha o seu plan de formación 2015 “Design Thinking para a Innovación social dixital”

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xunta

O programa Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, impulsado pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o seu Plan de Formación 2015 baixo o título “Design Thinking para a Innovación Social Dixital”.

O obxectivo deste plan formativo é ofrecer as ferramentas e as metodoloxías máis avanzadas para xerar ideas, detectar necesidades de mercado e resolver problemas, apostando pola innovación como un proceso colaborativo.

O programa formativo ten prazas limitadas e desenvolverase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago de Compostela. As xornadas están distribuidas en dous bloques: o primeiro celebrarase entre o: 17 e 18 de xuño de 16:00 a 20:00 e o segundo entre o 1 e 2 de xullo de 16:00 a 20:00

A través da formación e tomando como referencia práctica os 10 proxectos seleccionados na iniciativa da Amtega CeMIT-Innova para a Innovación Social Dixital traballaranse todas as fases da metodoloxía Design Thinking: Empatía, definición, ideación, prototipado e testeo. Os interesados poden atopar máis información e contidos no Programa. A inscrición pódese formalizar a través do seguinte link da web de voluntariado galego:
http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=cur&idc=278&pag=0

“Design Thinking”
O Design Thinking é unha disciplina que usa a sensibilidade e os métodos dos deseñadores para facer coincidir as necesidades das persoas co que é tecnoloxicamente factible e viable economicamente. Este método está avalado e promovido polo Institute of Design que pertence á Universidade de Stanford.

Debido ós grandes resultados obtidos, nos últimos anos grandes empresas de todo o mundo como Google, IBM ou Toyota xa integraron esta metodoloxía no seu día a día e estasea converter na metodoloxía de referencia en ámbitos coma o da saúde ou o social.

Relatores
As sesións estarán ao cargo de Designthinking.gal, un espazo educativo formado por un equipo multidisciplinar, con ampla experiencia profesional e docente tanto no ámbito nacional como internacional, que desenvolve a metodoloxía do Design Thinking adaptada á nosa contorna.

Para esta activade formativa contarase con :

Enrique Saavedra, enxeñeiro en Deseño. Inditex, Massimo Dutti, Women ́ Secret, Movistar ou Cortefiel, son algunhas das marcas para as que traballou desenvolvendo proxectos de deseño.Na actualidade é co-fundador do estudio Vermis Project e dos proxectos VermisLAB e Designthinking.gal así coma director da delegación inglesa.

Marcos Saavedra, deseñador de Produto. Con máis de dez anos de experiencia no mundo do deseño de produto, realizou proxectos tanto nacionais como internacionais para clientes como Roca, ICEX, MUJI ou Arturo Álvarez. Na actualidade é co-fundador do estudio Vermis Project e dos proxectos VermisLAB e Designthinking.gal así coma director da delegación española.

José Ramón Rodríguez, psicólogo empresarial. Leva 27 anos desenvolvendo plans de formación en máis de 65 empresas e asociacións profesionais, en áreas tales como: Competencias Directivas, Outdoor Training, Calidade de Servizo e Satisfacción do Cliente, Creatividade, Habilidades docentes e Marketing persoal ou Personal branding.

Chus Prol, filóloga e Storyteller. Pertence a unha xeración de profesionais que valoran a súa liberdade e un modelo diferente de relación laboral máis flexible e personalizada. Gran comunicadora apaixónalle xestionar equipos de traballo e xestionar persoas. Na actualidade xestiona o espazo o de Coworking Doutroxeito.

Programa de Voluntariado Dixital
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, que conta xa con máis de 400 persoas voluntarias. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.

También te podría gustar...