alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, vén de activar unha nova edición do programa Lecer Consumo, co que se busca aproximar á poboación os valores do consumo responsable a través de actividades participativas e lúdicas. O programa de actividades, que este ano leva o lema Nestas vacacións… Achégate a un lecer responsable! e xira arredor dos xogos populares e da publicidade, desenvolverase tanto na sede da Escola Galega de Consumo como dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas que levarán a cabo diversos concellos e entidades ata o remate de agosto.

Lecer Consumo, no que o verán pasado participaron preto de 1.200 persoas, está dirixido ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade.

Para nenos e nenas de 3 a 7 anos proponse un obradoiro en torno ás alternativas de ocio que non respondan só ao lecer como produto de consumo, coa proposta de Un lecer máxico, que inclúe un conto e a creación dun xoguete, mentres que para os rapaces de 9 a 16 anos se propón unha xincana de Lecer, Publicidade e TIC. Trátase dun xogo para relacionarse e valorar diferentes posibilidades de consumo. Ao remate desta actividade os participantes gravarán un vídeo por grupos promocionando actividades de lecer que se poidan levar a cabo no seu concello. Estes vídeos serán publicados a partir do mes de setembro no facebook da Escola Galega de Consumo, no que se terá que votar ao máis orixinal, divertido e innovador, e o que resulte en primeiro lugar recibirá un agasallo.

Os participantes maiores de 16 anos poderán coñecer criterios de seguridade nas diferentes formas de viaxar, a compra de viaxes pola internet, así como os dereitos que teñen os consumidores do tempo de lecer a través do obradoiro Oca: o xogo da xente viaxeira. Tamén se organiza unha charla sobre alternativas para un ocio saudable a todas as idades, destinado ao público adulto.

A oferta e as condicións de participación de Lecer Consumo 2015: Nestas vacacións… Achégate a un lecer responsable! poden consultarse na páxina web do Instituto Galego de Consumo, desde onde os colectivos interesados poden descargar a folla de inscrición.