O programa Galicia 1000 impulsará 250 millóns en investimentos para reforzar a creación de emprego en Galicia

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO programa Galicia 1000, dotado con preto de 70 millóns de euros, impulsará 250 millóns de euros en investimentos para reforzar a creación de emprego en Galicia. Con esta iniciativa, salientou o director do Igape, Javier Aguilera, a Xunta pon a disposición das empresas os instrumentos axeitados para atender as súas necesidades de financiamento, mediante préstamos directos, bonificados ou avalados para investimentos ou circulante.

En primeiro lugar, as empresas poderán beneficiarse dos préstamos directos Jeremie, preparados para financiar proxectos con créditos directos comprendidos entre 49.000 euros e 1,8 millóns de euros. Segundo destacou o director do Igape, os achegados a través desta liña son apoios para pemes, autónomos ou microempresas, con xuros fixos moi competitivos e prazos de amortización de ata 11 anos, para adaptarse as súas necesidades. Os investimentos apoiados poden ser tanto para novas instalacións produtivas como para ampliar, modernizar ou diversificar instalacións xa existentes.

Ademais, o Igape bonifica xuros de microcréditos de ata 25.000 euros e de préstamos bancarios de ata 100.000 euros mediante outras liñas financeiras do Galicia 1000, que inclúe igualmente un programa específico de préstamos avalados, o programa Resolve, para financiar o circulante das empresas que o necesiten.

O director do Igape destacou que, en conxunto, a Consellería de Economía e Industria ofrece así un amplo e completo abano de instrumentos financeiros para apoiar ás necesidades de financiamento das empresas, especialmente no eido da industria e no marco da Axenda da Competitividade Industrial-Galicia Industria 4.0.

Deste xeito, sexa cal sexa o tamaño e as necesidades das empresas galegas, a Xunta dispón de instrumentos de apoio axeitados, tanto para impulsar novos investimentos como para apoiar o funcionamento operativo das empresas, co obxectivo de favorecer a consolidación do crecemento económico e da creación de emprego en Galicia.