O programa de Compostaxe doméstica promove a concienciación medioambiental nos concellos da provincia entre eles A Rúa, Rubiá e Vilamartín

1Fachada DeputacinVen de concluír a segunda visita de seguimento realizada ás vivendas que participan no programa de Compostaxe doméstica, promovido pola Deputación de Ourense coa colaboración de Sogama, en vinte concellos que teñen delegado o servizo de xestión de residuos no ente provincial. Trala primeira visita de seguimento, realizada entre decembro de 2014 e xaneiro de 2015, a segunda tivo lugar entre marzo e abril.

A maior parte dos compostadores colocados nas vivendas foron inspeccionados in situ polos técnicos co fin de comprobar a operativa destes. Na súa práctica totalidade atopábanse a pleno rendemento, albergando, de forma maioritaria, restos de comidas (nun 62,3 por cento) e restos verdes (nun 51,3 por cento), e en menor medida, restos secos (29 por cento). Se ben seguiu predominando a temperatura ambiente nos recipientes, tras a primeira visita, os participantes comprenderon a importancia da presenza de osíxeno, que lograron incrementando os volteos.

No transcurso das dúas visitas recolléronse datos tales como a localización do compostador, a frecuencia de depósito dos distintos materiais, regos e volteos, temperatura e volume de enchedura.

Os concellos adscritos a esta experiencia son: A Bola, A Gudiña, A Rúa, Amoeiro, Baltar, Boborás, Castrelo de Miño, Lobeira, Lobios, O Carballiño, Os Blancos, Ribadavia, Rubiá, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras, Pobra de Trives, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia.

Entre os obxectivos definidos pola Deputación e Sogama respecto a este programa destaca a posibilidade de capacitar ós cidadáns para proceder á fabricación de compost a escala doméstica, obtendo unha emenda orgánica que poden utilizar nas súas propias hortas ou xardíns. Ademais, co seu traballo e implicación tamén se logra levar a cabo unha tarefa de concienciación social en torno á problemática que, a día de hoxe, representan os residuos e a importancia que, neste sentido, ten a separación en orixe destes, garantindo con iso o seu posterior reciclado.

Pola súa banda, a redución das cantidades de refugallos a introducir nos colectores verdes convencionais trae consigo unha notable diminución dos custos de xestión, tanto a nivel de recollida e transporte, coma a nivel de tratamento por parte de Sogama.

As figuras dos mestres compostadores resultaron claves na maior parte dos municipios. Eles contribuíron a difundir a iniciativa e a canalizar as peticións dos veciños interesados no programa, axudando en boa medida a organizar os labores de seguimento, a localizar vivendas e a solucionar incidencias puntuais. As temáticas abordadas na formación centráronse no concepto de compostaxe, que se acompañou das explicacións relativas ao funcionamento do programa, refugallos que deben e non deben ser depositados no compostador, localización e montaxe deste, e análise visual do compost resultante.