O primeiro Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño en Galicia pon sobre a mesa o traballo e os retos destes colectivos

el_camino

 

O asociacionismo en torno ao fenómeno xacobeo celebra o I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago dende mañá e ata o sábado en Compostela.

O Auditorio Abanca, na rúa Preguntoiro, será a sede para este evento que reunirá máis de 350 asistentes de 28 países dos cinco continentes, entre os que se encontran expertos, representantes de asociacións, estudosos e interesados do fenómeno xacobeo.

O programa, que será inaugurado oficialmente mañá pola tarde a cargo do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e da directora de Turismo, Nava Castro, contará con cinco sesións nas que relatores de distintas nacionalidades poñerán en común as súas experiencias e coñecementos e.

Na conferencia inaugural tamén tomarán a palabra Jeannine Warcollier, secretaria xeral da Société Française des Amis Jacques de Compostelle, primeira asociación fundada no mundo, en 1950; e Javier Caamaño Eraso, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Estella, o primeiro colectivo español, fundado en 1962.

A primeira sesión do Congreso terá como eixo a Investigación, recuperación e conservación do Camiño de Santiago no asociacionismo xacobeo. Así, poñerá sobre a mesa a problemática relativa á recuperación e conservación das rutas xacobeas en Europa; un traballo iniciado polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, en concreto, pola Sociedade Francesa de Amigos do Camiño na década dos anos 50 do século XX, e continuado polas demais asociacións, a partir da investigación do trazado dos camiños, localización de elementos históricos e iconográficos, antigos hospitais de peregrinos e datos da literatura odepórica -relatos de peregrinos do pasado-.

O vindeiro venres a xornada comezará con As asociacións do Camiño de Santiago. Comunicación, difusión e publicacións. Os relatores achegaranse á produción e edición de materiais para facilitar a peregrinación xacobea como son mapas, carteis, folletos informativos, libros monográficos, actas de encontros e congresos ou elementos de mercadotecnia.

A sesión Acollida e Hospitalidade abordará un dos temas estrela do asociacionismo xacobeo: a colaboración no fortalecemento e dotación da rede de albergues dos itinerarios do Camiño de Santiago, co traballo voluntario e altruísta de membros das asociacións e antigos peregrinos.

Xa o sábado, na sesión Relacións das Asociacións do Camiño de Santiago coas institucións e a sociedade, estudaranse os vínculos destes grupos con poderes públicos, coa Igrexa e coa sociedade en xeral.

A última sesión do encontro leva por título As asociacións xacobeas: retos do presente e orientacións de futuro e centrará o debate sobre as orientacións de futuro do asociacionismo xacobeo; os seus retos, obxectivos, compromisos e novas formulacións para mellorar o Camiño e facilitar o traxecto aos novos peregrinos.

O Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago conta ademais cun programa de actividades paralelas que afonda no estudo do fenómeno, como son as visitas á exposición «San Francisco e o seu tempo», no Pazo de Xelmírez, e á mostra «Camiño. A Orixe», na Cidade da Cultura; ou o percorrido dun tramo do Camiño con parada no antigo cemiterio de peregrinos en San Marcos e chegada á Catedral.

Ademais, como complemento ao evento, o Centro Social Abanca, situado na compostelá Praza de Cervantes, acollerá, dende o 4 ao 12 de xuño, a exposición Amigos do Camiño: Hospitalidade, Investigación, Difusión, unha selección de materiais cedidos por colectivos xacobeos de todo o mundo que recolle o traballo que desenvolven en áreas como a investigación, recuperación, sinalización, hospitalidade e promoción das diferentes rutas a Compostela.