O Plan de Investimentos da ITV en Galicia suma máis de 7 millóns de euros ata 2017

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO Plan de Investimentos da ITV en Galicia comprende distintas actuacións que suman un total de 7,1 millóns de euros neste bienio co obxectivo de mellorar o servizo prestado á cidadanía e o correcto funcionamento do parque móbil galego.

Neste sentido, no desenvolvemento do plan, a empresa Supervisión y Control, concesionario da ITV na Comunidade, contempla a apertura de catro novas estacións en Santiago, Nigrán, A Coruña e O Carballiño, que sumarán 7 novas liñas con capacidade para realizar, xa no 2017, máis de 80.000 inspeccións anuais. A estas liñas cabe sumarlle o investimento realizado na estación da ITV de Espírito Santo, no concello coruñés de Sada, cuxo novo laboratorio de frío permite revisar vehículos refrixerados e supón un importante aforro de custos e tempo tanto para transportistas e empresas como para carroceiros.

Así, a ITV de Nigrán, ubicada no Porto do Molle, contará con tres liñas de inspección e entrará en funcionamento no primeiro trimestre do ano que ven. A infraestrutura xerará, nos dous próximos anos, 12 postos de traballo e pode chegar a atender neste período 41.000 vehículos por exercicio, coa previsión de chegar aos 55.000 no 2020.

Pola súa banda, a estación de Santiago, no polígono de A Sionlla, sumará dous liñas de inspección e ten prevista a súa apertura para o segundo semestre de 2016, co obxectivo de estar atendendo xa, no 2017, máis de 25.000 vehículos e habilitando 8 empregos.

A ITV A Coruña activará unha nova liña e inaugurarase no último trimestre do vindeiro exercicio, facultando 5 empregos e inspeccionando, no 2017, preto de 10.000 vehículos. E a ITV Carballiño incorporará outra liña de inspección no propio 2017, cunha previsión de atender xa ese ano 5.000 vehículos por exercicio e xerar 4 postos de traballo.

Grazas ás novas infraestruturas, os cidadáns verán reducidas as distancias a percorrer para pasar as inspeccións técnicas dos seus automóbiles, así como os tempos de espera. Trala finalización dos traballos, Galicia disporá de 27 estacións fixas e 10 móbiles co obxectivo de garantir que os coches que circulan polas estradas da Comunidade cumpran cos parámetros de seguridade e respecto ao medio ambiente de forma rigorosa, ao tempo que se impulsa a competitividade empresarial.

O investimento fixado pola empresa Supervisión y Control para este bienio súmase aos máis de 3 millóns destinados, no período 2010-2014, á activación doutras 3 estacións ITV que habilitaron 8 novas liñas de inspección.