• O congreso mundial de escritores debaterá en Ourense sobre as ameazas e a liberdade de expresión na literatura
  • Manuel Baltar recibiu hoxe no Pazo Provincial á presidenta do PEN Internacional, a escritora mexicana Jennifer Clement, quen agradeceu “o compromiso e colaboración da Deputación de Ourense na organización do congreso, que reunirá a máis de 250 escritores de todo o mundo”
  • Baltar destacou que Ourense converterase no vindeiro setembro “na capital mundial da literatura, nun evento que tenderá pontes entre literatura, cultura e solidariedade”

0 0 0 0 MB e Clement

 

O congreso de escritores do PEN Internacional, que se celebrará en Ourense entre o 26 de setembro e o 2 de outubro, “converterá á capital ourensá no centro mundial da literatura, nun evento que tenderá pontes literarios, culturais e solidarios”, así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen recibiu no seu despacho do Pazo Provincial á presidenta do PEN Internacional, a escritora mexicana Jennifer Clement. Baltar destacou que este congreso será “un dos eventos do ano”, e dixo que chega “nun momento ideal para reivindicar e pór sobre a mesa cuestións de especial transcendencia, como son os dereitos humanos, culturais e lingüísticos”.

O presidente do goberno provincial destacou “a honra que supón ter entre nós a Jennifer Clement e todo o que ela representa no PEN Internacional, unha organización que ten na liberdade de expresión unha das súas liñas fundacionais”. Baltar augurou “un éxito rotundo” ao congreso, que conta co PEN Galicia na súa organización “e desde o minuto un, co apoio da Deputación de Ourense”.

O congreso, que reunirá a máis de 250 escritores de 70 países, debaterá en Ourense sobre as ameazas e a liberdade de expresión e a solidariedade na literatura, “ademais de analizar os temas de actualidade que afectan á muller na literatura e aos escritores que no mundo son perseguidos, encarcelados ou mesmo asasinados por expresar as súas ideas a través da escrita”, explicou Carles Torner, director executivo do PEN Internacional.

Na comparecencia diante dos medios informativos, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” logo da reunión celebrada no Pazo Provincial, Jennifer Clement, dixo que unha das principais preocupacións do PEN “é a situación de perigo da liberdade de expresión, á que se enfrontan escritores e periodistas en numerosos países do mundo como Turquía, Irán, Exipto ou México, onde teñen sido detidos ou asasinados ducias deles”. Clement agradeceu “o compromiso e colaboración da Deputación de Ourense na organización do congreso, nun momento tan importante como este, cando estamos a piques de cumprir os 100 anos desta organización literaria que traballa por defender a liberdade de expresión”.

No congreso, o Comité de traballo de Escritores Encarcelados analizará a situación actual dos autores que tiveron que exiliarse de países como Siria, Iraq ou Bangladesh. “Temos unha lista de máis 900 casos de escritores no mundo que están encarcelados ou baixo ameaza, nalgúns casos pendentes de xuízo, en países como México e Honduras, e fronte a iso faremos unha campaña permanente”, afirmou Carles Torner.

Tamén, o Comité de Traduccións e Dereitos Lingúísticos abordará a situación da literatura africana, e o Comité de Mulleres Escritoras, a situación da muller no ámbito literario, mentres que o Comité pola Paz tratará o conflito entre turcos e kurdos, e ucraínos e rusos, “tendendo pontes literarias entre os escritores destas rexións”, explicou Torner.

Xabier Paz, do PEN Galicia, avanzou que durante a celebración do congreso “haberá veladas literarias en diferentes locais da cidade de Ourense, onde os asistentes poderán interactuar cos escritores”, e dixo que entre os autores invitados “estará a escritora arxentina Claudia Piñeiro, unha das voces máis importantes de Iberoamérica, e a autora brasileira con raíces galegas Nélida Piñón, membro da Academia Brasileira das Letras”.

O PEN Internacional, fundado en 1921 en Inglaterra, conta na actualidade con 147 centros repartidos en 112 países.