presentacion.campionato.atletismo.en.ourense.02

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte na presentación do “Ourense Termal Athletics Meeting”, a proba deportiva que por terceiro ano consecutivo reúne aos mellores atletas galegos, do noroeste de España e do Norte de Portugal en pista. O evento, que está co-organizado pola Deputación de Ourense, celebrarase o vindeiro sábado, 20 de xuño, nas instalacións deportivas do Campus de Ourense, no que se prevé se dean cita máis de 300 deportistas.

Manuel Baltar dixo que esta “é a proba estrela do noroeste español no que a atletismo en pista se refire, un evento que conta co apoio da Deputación de Ourense porque o goberno provincial defende precisamente os valores do deporte, centrados no dinamismo, a cooperación e a superación”. Baltar destacou que este evento “é un perfecto escaparate para a capital e para a provincia de Ourense, tendo como referente unha proba de alto nivel deportivo como esta.

Xunto a Manuel Baltar, no acto de presentación estiveron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o director da Área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde, e o presidente do Club Deportivo Aurum, Lalo Gómez.

O “Ourense Termal Athletics Meeting” -incluído no calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo- está organizado pola Deputación de Ourense; a Concellería de Deportes e o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense; a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, coa colaboración do Club Deportivo Aurum e a Delegación de Ourense da Federación Galega de Atletismo.