O escaparate dos mellores viños

  • Ourense, escaparate dos mellores viños, co XI concurso internacional «Tempranillos ao Mundo»
  • A Deputación de Ourense colabora con este evento que se celebrará os vindeiros días 8, 9 e 10 de novembro, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
  • Asemade desenvolverase o Certame Internacional de Viños Blancos Galegos

 

Santiago Jordi, Luis Buitrón, Rosendo Fernández e Juan Casares

Santiago Jordi, Luis Buitrón, Rosendo Fernández e Juan Casares

 

A cidade de Ourense será escaparate dos mellores viños os vindeiros días 8, 9 e 10 de novembro coa celebración da undécima edición do concurso internacional de «Tempranillos ao mundo» no que se convoca á súa vez o Certame Internacional de Viños Blancos Galegos. A presentación deste evento vitivinícola tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente nacional de enólogos, Santiago Jordi; o presidente da Asociación Galega de Enólogos, Luis Buitrón; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía, Juan Casares.

A Deputación de Ourense colabora con este evento porque considera que o sector vitivinícola é «estratéxico para a provincia de Ourense xa que o viño significa para Ourense: riqueza, emprego e, ademais dános asentamento poboacional no rural», dixo Rosendo Fernández quen salientou que este evento «poñerá en valor a nosa riqueza vitivinícola e situará a «Marca Ourense» a nivel internacional, convertendo a Ourense na provincia vitivinícola de Galicia durante os vindeiros días».

Este evento organizado pola Federación Española de Asociacións de Enólogos (FEAE) e pola Asociación Galega de Enólogos (AGE), reunirá durante os vindeiros tres días a recoñecidos especialistas e enólogos de todo o mundo, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense.

Santiago Jordi sinalou que este concurso internacional é «un escaparate para o mundo do viño e, tendo en conta o impacto que teñen os viños da zona a nivel internacional era importante que puideramos celebralo aquí nesta edición». Asemade, o presidente nacional de enólogos explicou que este evento «nace once anos atrás coa idea realizar un concurso da variedade máis representativa en España, «Tempranillos ao Mundo» pero cada vez que imos a unha cidade a celebralo, intentamos promocionar os viños da zona».

No relativo á participación, Santiago Jordi adiantou que nesta edición hai «450 mostras, das cales 325 son de tempranillo nas cales participaron 103 adegas. Ademais de contar con mostras de 19 zonas de produción españolas, temos de Portugal, Mexico, Chile e Arxentina».

Pola súa parte, Luis Buitrón destacou a excepcionalidade de que Ourense sexa a sede deste evento por contar «con catro das cinco Denominacións de Orixe galegas» e que ademais de viño ofrece «historia e termalismo». En canto á participación galega, o presidente da AGE, dixo que «en total en Galicia temos 125 mostras de 89 adegas das cinco Denominacións de Orixe. Ademais non temos máis mostras porque moitas adegas porque moitas xa non tiñan viño para mandar, polo tanto penso que os datos son moi interesantes».

A programación prevista para os vindeiros días, tal e como explicou Luis Buitrón, comezará mañá ás 20.00 horas coa presentación oficial do concurso, que dará comezo o mércores, 9 de novembro, ás 8.30 horas, con catas ata as 13.00 horas. Posteriormente, realizarán unha visita á zona histórica da vila de Ribadavia. Ás 18.00 horas, será a quenda para unha visita ao casco antigo da cidade de Ourense.

Ao día seguinte, as catas retomaranse no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» ás 8.30 horas ata as 13.30 horas. No relativo aos galardóns, Santiago Jordi dixo que o vindeiro luns, a partir das 15.00 horas, farase público na páxina web da FEAE, os premiados.

 

 

También te podría gustar...