• O servizo de Pediatría estreita lazos coas familias para o coidado dos nenos prematuros desde a mesma estanza no hospital
  • Tanto a Unidade de Neonatoloxía como a Unidade de Coidados Intensivos Neonatais do CHUO son “unidades abertas” ás familias co obxectivo de fortalecer seus vínculos cos recén nados, sen limitación de horarios nin visitas

 

2014071504055227187-300x224Afondar no coñecemento de pais e profesionais no manexo da dor e do estrés no recén nado prematuro é o obxectivo dunha serie de charlas, abertas ao público, organizadas polo Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, dentro da súa liña de traballo de dar un papel mais activo aos pais no coidado dos seus fillos desde a mesma estanza no hospital.

Con estas charlas, promovidas polo Grupo de Traballo de “Coidados Centrados no Desenvolvemento”, as Unidade de Coidados Intensivos Neonatais, Atención Temperá, e o conxunto do servizo de pediatría, procura fortalecer o papel das familias como coidadores principais do neonato e afondar nunha maior coordinación, entre os pais e os profesionais responsables do seu coidado.

Para elo, hai xa un ano, o Servizo de Pediatría promoveu a formación nos Coidados Centrados no Desenvolvemento, dun grupo de enfermeiras das unidades neonatais do CHUO, no Hospital “12 de Octubre” de Madrid. Formación que foi o berce dun intenso traballo de exploración das áreas de mellora dentro do servizo, e que definíu dous liñas de traballo estratéxico: o achegamento e fomento da participación das familias e a valoración e control da dor e o estrés dos cativos das unidades neonatais.

UCI sen horarios nin limitacións de accesos

Con este obxectivo, desde Pediatría estase a fomentar a participación e accesibilidade das familias, tanto aos profesionais e ás unidades, como á información relevante sobre os coidados e procedementos que precisan seus fillos, dándolles neles un papel relevante.

A Unidade de Coidados Intensivos Neonatais é unha unidade aberta ás familias, ao igual que o resto de unidades de hospitalización pediátrica, sen trabas de horarios ou limitación de tempo para permanecer cos seus fillos. Ademais ampliáronse as posibilidades de acceso á unidade, non só das nais ou pais, senón tamén daqueles que éstes desexen que acudan a ver ao neonato: irmáns, abós, etc.. sempre na procura de fortalecer os vínculos afectivos desde o propio ingreso e incluso reducir o estrés dos cativos.