O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” abre tódolos días de Semana Santa

11223863_115110302182078_500107741380822621_oO Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense abrirá ao público tódolos días festivos desta Semana Santa, onde se poderán ver as tres exposicións que actualmente ten en cartel, contribuíndo así a realizar unha oferta cultural canto máis ampla e plural.

Na planta baixa do edificio poderase visitar a mostra ENTRE BASTIDORES, da pintora de orixe arxentina María Rosa Caporale, que volta ás salas expositivas despois de tres lustros afastada delas para amosarnos un “traballo intimista, que alude aos recordos e á recuperación da pintura máis tradicional”.

Tamén nesa planta pódense ver as obras seleccionadas da mostra 150 ANOS DE CARICATURAS MÉDICAS EN ESPAÑA, promovida pola Academia Médico Cirúrxica de Ourense e que fai un percorrido por ilustres profesionais médicos do país caricaturizados por diferentes artistas ao longo da historia.

A terceira exposición que pode visitarse é a titulada SENSO SUBLIME, do artista Sergio Portela. Trátase dunha mostra na que este creador recolle parte dos seus traballos en pintura, fotografía, arquitectura e, especialmente, en escultura, con obras figurativas de especial carga simbólica e que combinan o clasicismo coa contemporaneidade. Senso, de sensualidade, e sublime, de espiritualidade, son os motivos que inspiran ao artista nesta mostra.

O horario de apertura ao público das salas de exposicións do centro cultural “Marcos Valcárcel” será de 17:30 a 20:30 horas.

También te podría gustar...