• A Xunta mellorará o sistema de climatización e substituirá as fiestras no xulgado de Pobra de Trives
  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou onte o edificio e analizou os traballos de mellora que se van a executar co mellorar as condicións laborais dos traballadores e o medio ambiente
  • Este proxecto enmárcase no novo Plan de Eficiencia Enerxética e Obras Menores dos edificios xudiciais e conta cun investimento de 34.000 euros
  • Este plan durará tres anos e prevé 14 actuacións na provincia ourensá

180716 visita xulgado Trives

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Manuel Pardo, visitou onte o edificio que acolle os Xulgados da Pobra de Trives no que se van a executar, ao longo do segundo semestre deste ano, dúas actuacións enmarcadas no novo Plan de Eficiencia Enerxética e Obras Menores dos edificios xudiciais.

Díaz Mouteira explicoulle aos responsables e persoal do xulgado trivés que as obras consistirán na substitución das fiestras e na mellora do sistema de climatización das salas de vistas e dos despachos.

A delegada territorial indicou que o Plan, que durará 3 anos e que prevé un total de 14 actuacións na provincia, ten como obxectivo completar a mellora das condicións dos xulgados galegos. Marisol Díaz enmarcouno no seo da aposta firme e decidida da Xunta por dotar aos profesionais e os cidadáns os mellores medios materiais ao seu servizo desde o punto de vista das infraestruturas xudiciais.

Marisol Díaz Mouteira lembrou que o Xulgado da Pobra de Trives, nos últimos anos, xa foi obxecto doutras actuacións co fin de mellorar o día a día dos traballadores dos xulgados e dos cidadáns que acoden a eles. Así referiuse á instalación dunha caldeira de biomasa, que redunda nun importante aforro de combustible para este inmoble, situado nunha zona de alta montaña, así como a substitución da porta principal, a instalación dunha marquesiña e a pintura dos interiores.