image_gallery (1)A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou un acordo de colaboración cos alcaldes de Carballedo, Nogueira de Ramuín, Pantón e A Peroxa que supón o inicio do Plan de Actuacion no nucleo dos Peares, cun investimento de 230.000 euros para a execución inmediata de sete actuacións en materia de augas e seguridade viaria.

Sinalou que en materia de infraestruturas hidráulicas, acometeranse as obras para o abastecemento de auga aos núcleos do Vao, Igrexa, Cas de Moure e Ambasmestas, no concello de Carballedo; executaranse os colectores de saneamento no barrio do Mesón, en Nogueira de Ramuín; e no barrio do Torrón, no municipio de Pantón; e tamén se construirá un depósito e acometida de auga para os núcleos do Coitelo e O Mesón, en Nogueira de Ramuín.

Todas estas intervencións son esenciais para mellorar o saneamento e a subministración a estas poboacións, garantindo o caudal de auga suficiente, fundamentalmente, na época de verán. O investimento das mesmas acada os 166.000 €.

Adiantou que a vindeira semana comezarán os traballos das obras de abastecemento de auga aos distintos núcleos do concello de Carballedo e progresivamente se darán os pasos necesarios para que todas as actuacións recollidas neste convenio se poidan iniciar e finalizar neste mesmo ano.

Favorecer a mobilidade
Tal e como explicou a responsable de Infraestruturas, un dos obxectivos do Goberno galego é favorecer a mobilidade e incrementar a seguridade viaria dos veciños dos Peares.

As actuacións, que están en proceso de contratación e que se porán en marcha dentro deste plan, son a construción dun itinerario peonil na marxe dereita da antiga N-120, ao seu paso pola vila do Mesón, en Nogueira de Ramuín; a ampliación do acceso viario ao camposanto de Casdevil; a construción dun aparcadoiro e dun miradoiro na zona do centro de saúde, no concello da Peroxa; e o acondicionamento dunha marxe da estrada da N-120 e a protección peonil na outra marxe, no Torrón, no municipio de Pantón.

A modo de resumo, a conselleira Vázquez destacou que a rúbrica desta colaboración tradúcese na posta en marcha de distintos servizos e equipamentos hidráulicos e nunha maior mobilidade e seguridade nos desprazamentos diarios que realizan os veciños da zona.

Ethel Vázquez tamén sinalou que este plan de actuación certifica o compromiso do Goberno galego polo reequilibrio territorial e polo desenvolvemento económico e turístico dos Peares, que posúe un gran potencial.