Medio Ambiente convoca as axudas para a protección das árbores e formacións senlleiras de Galicia para o ano 2015

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras para as axudas que se concederán este mesmo ano para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia. O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas ás persoas ou entidades propietarias de árbores e formacións senlleiras para a súa conservación, protección e mellora.

Por outra banda, hoxe celebrarase en Santiago a reunión ordinaria do Comité das Árbores Senlleiras, onde se dará conta das solicitudes recibidas de novas incorporacións no Catálogo galego. Esta xuntanza está presidida pola directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e contará coa participación de representantes designados por diferentes institucións e organismos, que teñen como finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras.

Os membros do Comité das Árbores Senlleiras valorarán o conxunto de solicitudes de catalogación de exemplares e formacións recibidas, atendendo, entre outros, a criterios morfolóxicos, históricos, culturais, estéticos e paisaxísticos, para seleccionar a mellor representación das diferentes especies arbóreas a nivel autonómico. En total son 63 as novas solicitudes de inclusión que estudará o Comité para avaliar se son merecedoras de formar parte deste rexistro -52 de árbores e 11 de formacións relativas a 22 especies vexetais nas que destacan, como en anos anteriores, carballos (24 solicitudes), sobreiras (8) ou castiñeiros (5).

Nesta reunión, a Xunta tratará a recente publicación da modificación do Decreto polo que regula este Catálogo.

Subvencións

En relación á orde de axudas publicada hoxe no DOG, cómpre destacar que poderán acadar o 100% dos gastos subvencionables, fixándose un importe máximo de 6.000 euros de axuda por árbore e 12.000 euros de axuda por formación, chegando a un total de case 151.000 euros para este exercicio. O prazo para a súa presentación será dun mes contando a partir do día seguinte da publicación desta orde no DOG.

Estas subvencións nacen do deber que teñen as Administracións públicas de promover iniciativas de conservación da natureza e desincentivar aquelas que teñan unha incidencia negativa sobre a conservación da biodiversidade e o uso sostible do patrimonio natural.

Así serán subvencionables actuacións como podas ou tratamentos fitosanitarios necesarios para a conservación das árbores protexidas, accións encamiñadas á conservación de melloras na contorna; a elaboración de materiais divulgativos e sinalización, ademais de a creación, mantemento e conservación de accesos relacionados co réxime de uso público.

Poderán beneficiarias destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo os Concellos, propietarias das árbores incluídas, sempre e cando estas árbores e/ou formacións estean incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras con anterioridade á entrada en vigor da presente orde e só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos.

A aprobación da subvención implicará o compromiso das persoas ou entidades solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións previstas na resolución e as persoas ou entidades beneficiarias haberán de conservar, polo menos durante cinco anos, os documentos acreditativos da utilización dos fondos recibidos.

También te podría gustar...