• Este organismo representa no ámbito mundial aos gobernos locais autónomos e ten como obxectivo “promover a cooperación e apoio a municipios e gobernos locais intermedios para desenvolver iniciativas innovadoras de ámbito global aplicadas á realidade de cada territorio e a prol da cidadanía”, afirma Manuel Baltar
  • A Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias celebrada hoxe designou tamén ao presidente da Deputación de Ourense como membro da Comisión Nacional de Administración Local

 

0 MB e Femp 241115 3O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte en Madrid na Xunta de Goberno da Federación de Municipios e Provincias, reunión na que foi elixido membro do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos. Este organismo representa no ámbito mundial aos gobernos locais autónomos e ten como obxectivo “promover a cooperación e apoio a municipios e gobernos locais intermedios para desenvolver iniciativas innovadoras de ámbito global aplicadas á realidade de cada territorio e a prol da cidadanía”, afirmou Manuel Baltar nada máis coñecerse a súa designación.

O Consello Mundial traballa en todos os continentes para aumentar o rol e a influencia dos gobernos locais e rexionais e tamén das organizacións que os representan na gobernanza global. “Trátase de coordinar –explica Manuel Baltar- estratexias locais nun ámbito mundial para poder acadar decisións que contan coa fortaleza internacional e que logo poidan ser aplicadas nos entornos provinciais e rexionais, tanto no que atinxe a proxectos de competitividade económica como medioambientais, culturais ou de infraestruturas”.

O presidente do goberno provincial considera que unha das principais liñas de actuación do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos “é o traballo en rede”, algo que ao realizarse con carácter mundial “potencia as capacidades dos gobernos locais á hora da toma de decisións, e facilita en gran medida a realización de programas conxuntos”. “Cooperación e traballo mundial en rede son as grandes fortalezas desta organización”, afirma Manuel Baltar.

A Xunta de Goberno da FEMP tamén designou hoxe ao presidente da Deputación de Ourense como membro da Comisión Nacional de Administración Local, un organismo que ten entre as súas competencias emitir informes sobre anteproxectos de Lei e temas administrativos de competencia do Estado nas materias que afecten á Administración Local, e tamén efectúa propostas ao Goberno en materia de Administración Local e, en especial, sobre temas referidos ás facendas locais, orzamentos e transferencias do Estado á Administración Local.

Outros temas que se abordaron hoxe na Xunta de Goberno da FEMP foron a sinatura do convenio entre o Consello de Transparencia e Bo Goberno e a FEMP para o impulso da transparencia nas administracións locais; a adhesión á Rede de Entidades Locais pola Transparencia e Participación Cidadá, e a alta na Rede Española de Cidades Saudables.

0 MB e Femp 241115 2