Acto Ribeira Sacra en Santiago

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu onte no Parlamento de Galicia ao encontro “A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial”, para referendar o apoio do goberno provincial ourensán a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a singular paraxe da Ribeira Sacra.

O acto, organizado polo Valedor do Pobo e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contou tamén coa presenza da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o director en Galicia da UIMP, Domingo Bello Janeiro, amosando así o respaldo de todas as institucións presentes á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Manuel Baltar afirma que toda Galicia “será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións”. O presidente ourensán destaca que o labor que se está a levar a cabo a prol deste recoñecemento “está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor”, e aínda que o camiño é longo “farémolo co acordo e o consenso de todos”.