1 1 1 1 1 1 2015 cob

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo Provincial aos xogadores, corpo técnico e directivos do Club Ourense Baloncesto (COB) para felicitalos polo ascenso acadado á ACB, “a elite do baloncesto europeo”, en palabras do presidente provincial, “algo fondamente satisfactorio que é froito da conexión persoal, do traballo en equipo e do incondicional apoio que recibistes do “xogador número 6″, a afección ourensá, que sempre estivo con vós e creu nas vosas posibilidades”.

Nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, Manuel Baltar destacou que non hai maior satisfacción “que culminar con este éxito unha tempada na que o COB fai historia, algo que dende a Deputación, que é accionista do club, seguiremos apoiando e mantendo a axuda nominativa que anualmente lle outorgamos, porque non podemos desaproveitar esta oportunidade de ver convertido en realidade un soño que tantos miles de ourensáns desexan”. O presidente de goberno provincial subliñou: “Grazas a vós estar na elite do baloncesto en Europa é unha realidade, e para que ese éxito continúe e vexamos un Pazo dos Deportes “Paco Paz” con sete mil persoas gritando xuntos a palabra OURENSE temos que demostralo con feitos”. Neste senso, Manuel Baltar comprometeuse a que a Deputación de Ourense incremente ata o 50% o desembolso económico que requerirá o club, “pero contando igualmente tamén co apoio do Concello de Ourense”.

Manuel Baltar rematou dicindo que o COB “foi quen de reivindicar os valores do deporte, contaxiándonos a todos do seu entusiasmo e das gañas de gañar, algo que merece recibir todo o noso apoio”.

Pola súa banda, o presidente do COB, Antonio Gavilanes, afirmou que a Deputación de Ourense foi a única administración pública que colaborou con club, e por elo agradeceulle a Manuel Baltar o seu apoio en todo momento, “incluso anunciando onte, no descanso do partido, cando aínda non se sabía se ibamos gañar ou perder, que quería recibirnos hoxe na Deputación”. Gavilanes engadiu que Ourense “é unha provincia de baloncesto e quere ser ACB”, e avanzou que nos próximos días contactará cos líderes dos partidos que optan á alcaldía da capital para que asuman o compromiso de apoiar ao COB “como xa o ven facendo á Deputación de Ourense ata o de agora en solitario”.

Tamén, o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, dixo que o traballo e sacrificio do equipo fixo posible que a mensaxe de éxito chegase a todo Ourense, para culminar nun fito histórico”.