Máis de mil aspirantes nas oposicións do Sergas

  • Alta participación nas oposicións do Sergas celebradas en Silleda
Alta participación nas oposicións do Sergas celebradas en Silleda

Alta participación nas oposicións do Sergas celebradas en Silleda

 

Un total de 1.033 aspirantes, un 80% do total de convocados a unha das 201 prazas na sanidade pública galega, presentáronse hoxe aos exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde que se celebraron no Recinto Feiral de Silleda.

Durante a xornada de mañá do día de hoxe estaban convocados 1.289 aspirantes das categorías de logopeda, técnico/a en farmacia, e técnico/a superior en radioterapia; e durante a xornada de tarde, os 7.373 aspirantes da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermería.

O día 29 de maio realizaranse, na quenda de maña, os exames das categorías de fisioterapeuta, técnico/a superior en hixiene bucodental, e técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, que representan 2.375 aspirantes. En quenda de tarde examinaranse os 1.631 aspirantes das categorías de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico e terapeuta ocupacional.

Desenvolvemento das probas selectivas
As probas selectivas comprenden tres exames tipo test. Un de parte común, do que quedan exentos os aspirantes admitidos pola quenda de promoción interna; outro da parte especifica relacionado cos coñecementos e funcións propias da categoría/especialidade, e un terceiro acreditativo do coñecemento da lingua galega, do que quedan exentos aqueles aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga requirido na convocatoria ou equivalente.

Así mesmo, no marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes, está previsto facilitar a execución material das probas ás opositoras xestantes que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas, así como se practicarán as adaptacións de tempo e medios necesarias para realizar os exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.

Transparencia e seguridade no proceso
Este proceso selectivo incorpora medidas tendentes a dotar dunha maior seguridade ao mesmo nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar, a posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada en entorno web con acceso mediante certificación dixital.

Isto permite o seguimento de todo o proceso, confidencialidade na elaboración das preguntas, selección dos exames aleatoria e automatizada sobre unha batería de preguntas, imposibilidade de xerar ningún documento electrónico ata a data de impresión e impresión e custodia dos exames en sala securizada.

También te podría gustar...