Máis de 600 mozos e 80 entidades xuvenís de Galicia e o norte de Portugal participarán na sétima edición do EMAX en outubro

image_gallery (3)A sétima edición do Encontro do Movemento Asociativo Xuvenil (EMAX) celebrarase en Galicia na segunda quincena de outubro, segundo acordaron hoxe a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o presidente da Federación Nacional de Asociacións Xuvenís de Portugal (FNAJ), Julio Oliveira, nunha xuntanza de traballo que tivo lugar hoxe en Santiago.

Está previsto que no EMAX, que se celebrará en Galicia, poidan participar máis de 600 mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal e preto de 80 entidades xuvenís e grupos informais. Os mozos e mozas representantes do tecido asociativo galego e portugués terán a oportunidade ao longo de toda unha fin de semana de mostrar o seu traballo, así como de intercambiar experiencias e ideas en materia de asociacionismo e emprendedurismo que poidan dar lugar a proxectos conxuntos e a iniciativas xuvenís transfronteirizas.

Ao remate da reunión, Cecilia Vázquez destacou “a gran e fluída relación que o departamento de Xuventude da Xunta ten tanto coa FNAJ como co Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude, xa que nos últimos anos temos participado en innumerables proxectos de cooperación transfronteiriza”.

As institucións xuvenís dos dous países colaboran desde hai 4 anos no proxecto europeo Emprende, que permitiu por en marcha programas de asesoramento e cooperación empresarial, onde destacou o traballo do gabinete de iniciativas xuvenís emprendedoras, un servizo de acompañamento individualizado nos primeiros momentos de captación, xeración e maduración de ideas para aqueles mozos e mozas que decidiran comezar un proxecto empresarial.

Con este proxecto tamén se puideron organizar outras accións de apoio ás iniciativas xuvenís emprendedoras, de axuda á internacionalización de empresas, e de formación e capacitación para mozos e mozas con ideas de negocio.

Ademais, tamén se facilitou a creación de foros e de encontros entre a mocidade, o tecido asociativo e a realidade empresarial para detectar oportunidades laborais, promover o intercambio de ideas e a xeración de sinerxías que poidan concluír en iniciativas conxuntas.