Máis de 2000 persoas gozaron coa xira de concertos ‘Estamos no verán!!!’ do programa ‘Falaredes 2015’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística

image_gallery (2)

 

O domingo 26 de xullo rematou no Grove a xira de concertos «Estamos no verán!!!» do programa ‘FalaRedes 2015’ que, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

‘Estamos no verán!!!’, que comezou a súa andaina o domingo 7 de xuño en Santa Comba e percorreu Galicia durante case dous meses, é un espectáculo creado polo músico Xoán Curiel e interpretado por el canda a banda ‘Son+d2’ e a bailarina Marta Alonso. A proposta de entretemento ten como base cancións con letras en galego interpretadas con distintos ritmos musicais (rock, pop, reggae,…) e acompañadas por vistosas coreografías.

Os obxestivos desta actividade é os de dinamizar o uso da lingua galega e promover a valoración positiva do noso idioma entre os rapaces de 7 a 12 anos e, asemade, reforzar a programación de verán dos concellos da RDL. Malia ser un espectáculo dirixido a nenos e preadolescentes, recibiu moi boa acollida tamén entre o público adulto.

Os concertos con maior número de asistentes foron os de Miño (28 de xuño, 350 persoas) e o de Malpica de Bergantiños (10 de xullo, 300 persoas); e tamén gozaron cunha alta participación as actuacións en Baiona e en Bueu. O espectáculo visitou, ademais, as localidades de Ames, Barreiros, Cariño, Fisterra, Muxía, Nogueira de Ramuín, O Rosal, Ordes, Ortigueira, Ribadumia, Vilamarín e Xove. En total, 13 concertos de cuarteto, 3 de quinteto e 2 de banda.

A proposta foi, en todas as ocasións, libre e de balde (ata completar a capacidade no caso dos espazos pechados) e achegou volandeiras, músicas en mp3 e letras de cancións a colexios e campamentos para que os rapaces puidesen integrarse nas actuacións dun xeito máis doado. Tanto os asistentes coma os programadores dos concellos nos que se ofreceu o ‘Estamos no verán!!!’ destacarons a calidade do espectáculo e o seu dinamismo e interacción co público.

‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística celebra a súa cuarta edición, logo do éxito colleitado nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que nel se integran buscan, ano a ano, o cumprimento dos obxectivos emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre a infancia, a mocidade e a familia; enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata finais de ano chegará aos concellos da RDL, iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua propia de Galicia desde as administracións local e autonómica, que conta cunhas 170 entidades adscritas. Máis información sobre ‘FalaRedes 2015’ no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüísticawww.xunta.es/linguagalega/falaredes 2015 e tamén nas redes sociais.