image_gallery (2)Un grupo de seis voluntarios están a participar na última quenda do programa de voluntariado ambiental da Peroxa, no que tomaron parte, ao longo do verán, un total de 23 mozos e mozas maiores de 16 anos de Galicia, Madrid e Barcelona, no desenvolvemento de diferentes traballos en zonas naturais.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou o albergue da Peroxa e indicou que “esta actividade permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa da sociedade no coidado e na conservación de diferentes espazos, ao tempo que permite aos voluntarios gozar da zona, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas”.

En concreto, están a desenvolver traballos de conservación, limpeza e restauración de diferentes roteiros, áreas recreativas e espazos naturais; descubrir e acondicionar zonas naturais, montes e miradoiros; visitas guiadas a centros como o pazo de Montefiz ou a Fazenda Prádio, así como a paraxes naturais como a Ribeira Sacra; actuación ante lumes; eliminación de vertedoiros incontrolados; vixilancia estática desde a caseta de Ferradal; e vixilancia disuasoria de incendios forestais por diferentes roteiros.

Os voluntarios e voluntarias teñen cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contan cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil e, ademais, ao finalizar a actividade obterán un certificado acreditativo da acción que realicen, que será inscrita como experiencia no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Máis de 300 persoas están a participar entre xuño e setembro de este ano en preto de 1.300 xornadas de acción voluntaria, das que preto dun cento levan a cabo o programa de voluntariado ambiental no Parque Natural do Invernadoiro, no macizo central e bidueiral de Montederramo, no Val do Ulla, en Curtis e na Peroxa. Son un total de 480 xornadas de acción voluntaria.