O Igape achega ás empresas da comarca de Valdeorras os instrumentos de financiamento do programa Galicia 1000

Obras OU-536 Sas de Penelas

 

Técnicos do Igape achegarán mañá xoves 9 de xullo a partir das 20 horas ás empresas e emprendedores da comarca de Valdeorras as diferentes liñas de financiamento activadas pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro do programa “Galicia 1000”, para financiar tanto investimentos como circulante.

No marco dunha xornada técnica organizada en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras que se desenvolverá no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco, responsables do Igape informarán polo miúdo sobre este paquete integral de financiamento posto en marcha pola Xunta, que ten como obxectivo dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa, que inclúe préstamos bancarios bonificados ou avalados, préstamos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado con 70 millóns de euros e ten capacidade para mobilizar 300 millóns de euros en proxectos empresariais.

Dentro do Galicia 1000, os técnicos do Igape informarán polo miúdo sobre os préstamos directos con fondos Jeremie, que poden chegar ata 1,8 millóns de euros, con prazos de amortización de ata 11 anos e xuros fixos que poderán quedar por baixo do euríbor máis 0,4%.

Neste xornada para empresas explicaranse igualmente as características das liñas financeiras activadas para apoiar os investimentos ou financiar circulante para o funcionamento as pemes; liñas de microcréditos ou préstamos bancarios bonificados para investimentos, e de préstamos avalados para circulante do programa Resolve.

Mediante o programa de microcréditos, os emprendedores, autónomos e microempresas poden conseguir préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos. Por outra banda, as pemes poderán acceder a préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. Os investimentos realizados na provincia de Ourense poderán contar, no marco de ambas liñas financeiras e ao abeiro do Impulsa, cunha bonificación adicional do 0,5%.

De xeito paralelo, e para cubrir as necesidades específicas de circulante das pemes, a Consellería de Economía e Industria activou, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que mobilizará préstamos bancarios avalados, comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, e con prazos de amortización de ata 7 anos.

 

También te podría gustar...