• Manuel Baltar impulsa en Washington as relacións entre empresas de USA e Ourense, pechando a primeira misión norteamericana que visitará a provincia
  • Na súa viaxe de dous días a Estados Unidos o presidente do goberno provincial manterá encontros con responsables do Departamento de Comercio e da Cámara de Comercio daquel país
  • É a primeira vez que un líder galego se reúne coa Administración USA para establecer liñas de cooperación que permitan abrir vías de negocio entre as empresas de Ourense e as de Estados Unidos

0 0 MB e S Jornes feb 16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, iniciou onte en Washington DC a primeira das dúas xornadas de traballo que manterá coas autoridades deste país, co obxectivo de impulsar as relacións entre empresas de USA e Ourense naqueles sectores competitivos que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá. Trátase da primeira vez que un líder galego se reúne coa Administración USA para establecer liñas de cooperación que permitan explorar vías de negocio entre as empresas de Ourense e Estados Unidos.

En concreto, onte martes, o presidente do goberno provincial reuniuse en Washington con Seward L. Jones, director executivo para Europa e Eurasia da International Trade Administration do Departamento de Comercio de Estados Unidos. O obxectivo da reunión, segundo afirmou Manuel Baltar, foi “impulsar as relacións económicas da provincia de Ourense con Estados Unidos e poñer en valor ámbitos como o da agroindustria, as novas tecnoloxías e os espazos naturais, así como de fomentar internacionalmente o noso termalismo, sector este último que nos singulariza e que sitúa á provincia de Ourense como un referente mundial”.

Na reunión, Manuel Baltar pechou co Goberno USA a que será a primeira misión de empresas norteamericanas que visitará a provincia de Ourense, unha estratexia na que se leva traballando desde hai meses no goberno provincial ourensán, pois os orzamentos da Deputación de Ourense para 2016 xa lle dan cobertura tanto a esta misión empresarial como tamén a outro aspecto importante das relacións económicas e formativas entre Ourense e USA: o “Programa de Bolsas Internacionais”, que permitiría a xóvenes ourensáns realizar prácticas en empresas e organismos dos máis importantes do mundo, situados en Estados Unidos. Este programa de bolsas, denominado “Ourense líder”, que Manuel Baltar expuxo na reunión que mantivo o mes pasado con directivos de grandes empresas ourensáns e representantes de entidades empresariais, pretende formar a xóvenes emprendedores no ámbito do liderado profesional en sectores como Economía, Humanidades, Xornalismo, Administración, Ciencias Políticas, Dereito, Saúde e Relacións Internacionais.

Neste sentido, a Deputación de Ourense está ultimado este programa de bolsas internacionais conxuntamente coa Fundación Advanced Leadership, unha organización sen ánimo de lucro situada en Washington DC, comprometida co desenvolvemento das competencias de liderado nos xóvenes, que conta no seu consello de asesores con Juan Verde, presidente; e como vogais Michael Dukakis, Francisco Sánchez, Alan D. Solomont e Manuel Ortiz.

Reunións con líderes empresariais

Precisamente, da rolda de reunións que o presidente Baltar ven mantendo con líderes de sectores empresariais ourensáns, tanto na xuntanza mantida en Cabeza de Manzaneda como na recentemente celebrada no Pazo Provincial, o presidente provincial plantexou a posibilidade de establecer relacións co ámbito de Comercio do Goberno USA “para planificar estratexias de interese común coas empresas de Ourense, que desemboquen en investimentos que permitan o crecemento e a creación de emprego na provincia de Ourense”, afirma Manuel Baltar.

Esta novidosa acción de relacións institucionais no ámbito comercial entre Ourense e USA é a primeira vez que se produce en Galicia, xa que, por primeira vez, o Goberno de Estados Unidos certifica e avala unha misión comercial destas características. Os únicos referentes de misións comerciais de Estados Unidos en España producíronse ata o momento en Madrid e Barcelona.

Manuel Baltar considera que esta estratexia “supón unha excelente oportunidade para que o mercado estadounidense coñeza o potencial e as singularidades da provincia de Ourense e das súas empresas, moitas delas líderes europeos nos seus sectores. O obxectivo final é favorecer a competitividade e o crecemento económico na nosa provincia e que investidores doutros países vexan a Ourense como unha terra de oportunidades”.

Na reunión de onte no Departamento do Comercio USA, Manuel Baltar e Seward L. Jones analizaron a política de promoción comercial que Estados Unidos está realizando en Europa e Eurasia, coa finalidade de establecer as canles de cooperación axeitadas e fixar unha axenda de traballo na misión empresarial norteamericana a Ourense, “que ten previsto realizarse ao longo deste ano 2016”, segundo estimou Manuel Baltar.

Asemade, Seward L. Jones explicoulle a Manuel Baltar o labor que o seu departamento leva a cabo na supervisión dos programas que o Goberno USA desenvolve en 34 oficinas comerciais situadas Europa e Eurasia. Estas oficinas teñen como cometido abrir mercados entre exportadores estadounidenses e investidores estranxeiros. Jones coordina tamén as negociacións para o Tratado de Comercio Transatlántico e os investimentos coa Unión Europea, ademais de fomentar as relacións das empresas de Estados Unidos -especialmente Pemes orientadas ao comercio internacional- cos mercados estranxeiros.