• Galicia reduciu a súa débeda en 103 millóns no 3º trimestre e é a única comunidade que baixou o endebedamento no último ano
  • Mantense entre as comunidades con menor nivel de débeda, que diminúe ao 18,7% do PIB fronte ao 24,6% de media autonómica
  • A Xunta mantén estabilizada a débeda galega dende o ano 2014
  • O Banco de España volve confirmar que Galicia é a comunidade autónoma onde menos aumentou o volume de débeda dende 2008
  • Grazas ao control do déficit e da débeda o Goberno galego evitou incrementar a súa débeda en 3.500 millóns de euros

 

A Comunidade Autónoma de Galicia reduciu a súa débeda en 103 millóns de euros no terceiro trimestre do ano e é a única comunidade autónoma que baixou o seu endebedamento no último ano, segundo mostran os datos oficiais publicados hoxe polo Banco de España.

Galicia mantense entre as comunidades con menor endebedamento de España; de feito, é a quinta comunidade de réxime común -a sexta se se ten en conta ao País Vasco, con réxime foral- coa ratio de débeda/PIB máis baixa.

Esta ratio ao peche do terceiro trimestre baixou en Galicia ao 18,7%, tres décimas inferior ao dato do trimestre anterior (19,0%) e por debaixo do endebedamento que tiña a Comunidade Autónoma hai un ano no mesmo trimestre (18,8%). De feito, só Galicia reduciu este indicador no último ano, mentres no conxunto de España medrou 8 décimas.

O control do déficit que vén efectuando a Xunta dende 2009 ten provocado que Galicia teña agora un endebedamento inferior ao resto de comunidades. A ratio de débeda de Galicia é case seis puntos inferior á media autonómica (24,6%) e permanece estabilizada dende 2014. Esta tendencia positiva continuará no 2017, toda vez que a Xunta mantén o seu compromiso de seguir cumprindo os obxectivos de déficit aprobados no Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF).

En termos absolutos, a débeda galega supón o 3,91% do total de España, posto que dos 271.173 millóns do conxunto das autonomías a Galicia correspóndenlle 10.624, por baixo do peso de Galicia no conxunto do Estado en termos de PIB ou poboación. Ademais, o Banco de España confirma que Galicia é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda dende o ano 2008.

Grazas ao control da débeda, a Administración galega evitou incrementar a débeda da Comunidade Autónoma en 3.500 millóns de euros. Iso permite á Xunta de Galicia aforrar cada ano 85 millóns de euros en gastos financeiros, recursos que se poden empregar en reforzar o gasto social e os investimentos.

Ademais, tendo en conta a ratio global de débeda -incluíndo a das empresas públicas- o diferencial positivo é aínda maior, xa que este indicador en Galicia é inferior en 4 décimas ao conxunto das comunidades autónomas.

Máis axilidade nos pagos

A Comunidade Autónoma de Galicia está a combinar o control da débeda e do déficit público cunha maior axilidade nos tempos de pagamento aos seus provedores.

De feito, Galicia segue manténdose entre as comunidades autónomas que pagan con máis axilidade aos seus provedores, segundo ratifican os últimos datos publicados polo Ministerio de Hacienda y Función Pública sobre o mes de setembro. O tempo medio de pago situouse en 19 días en Galicia, o que supón 22 días menos que a media autonómica, que foi de 41 días.

DÉBEDA POR CC.AA (3º trimestre 2016)
*CCAA de réxime foral

 
 

Ratio de
débeda/PIB (%)

1
Madrid
14,2
2
País Vasco*
15,2
3
Canarias
15,8
4
A Rioxa
18,2
5
Asturias
18,6
6
GALICIA
18,7
7
Navarra*
19,7
8
Castela e León
19,8
9
Aragón
21,2
10
Andalucía
21,8
11
Estremadura
22,1
12
Cantabria
22,7
 
TOTAL CCAA
24,6
13
Murcia
28,6
14
Baleares
30,7
15
Cataluña
35,6
16
Castela-A Mancha
35,9
17
Valencia
41,6