Galicia é a comunidade autónoma con máis empresas por poboación activa e ocupada

  • Conde destaca que Galicia é a comunidade autónoma con máis empresas por poboación activa e ocupada
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, asistiu en Vigo á xornada organizada por Impulsando Pymes para que as grandes empresas compartan as súas experiencias coas pemes galegas e así gañen en competitividade
  • Conde destacou que Galicia é “un exemplo a nivel nacional” de como poñer á disposición do tecido empresarial os medios cos que conta para dar resposta aos seus retos, citando a publicación hoxe no DOG da creación das ECCOM para axilizar a creación de empresas
  • Subliña que as pemes, os autónomos e os emprendedores son o eixo que vertebra a economía galega e que no que vai de ano se crearon preto de 4.000 firmas

 

image_gallery-2

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, asistiu en Vigo á xornada organizada por Impulsando Pymes para que grandes compañías compartan as súas experiencias coas pemes galegas e así poidan gañar en competitividade. Asegurou que as pequenas e medianas empresas, os autónomos e os emprendedores son o “eixo vertebrador” da economía.

Neste sentido, Francisco Conde destacou que Galicia está “á cabeza en canto ao número de empresas por poboación activa, con 15,4 pemes por cada 100 activos, e por poboación ocupada, con preto de 20 por cada 100 ocupados, situándose por riba de comunidades como Cataluña e Madrid”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, que recordou que as pemes representan máis do 99% das empresas galegas, subliñou a creación de preto de 4.000 compañías en Galicia nos dez primeiros meses do ano, un dato no que ten un peso estratéxico a provincia de Pontevedra, con máis do 37% das empresas creadas entre xaneiro e outubro.

“Galicia está a demostrar o seu dinamismo coa creación de arredor de 13 empresas cada día, o que axuda a explicar que a cifra de desempregados se teña reducido en outubro en 23.000 persoas con respecto a fai un ano, o maior descenso histórico no mes de outubro de toda a serie histórica”, afirmou Conde.

Neste eido, sinalou que “Galicia está sendo un exemplo a nivel nacional de como poñer a disposición das pemes todos os medios cos que conta para dar resposta aos retos do tecido empresarial e axilizar a creación de novas empresas”, afirmou Conde. En concreto, citou a Lei do Emprendemento de 2013, que favorece a tramitación de expedientes ao suprimir barreiras administrativas, e a publicación hoxe no DOG do decreto para a creación das ECCOM, entidades de certificación de conformidade municipal que axudarán a ofrecer garantía xurídica na posta en marcha de negocios.

O conselleiro en funcións agradeceu a Impulsando Pymes a súa decisión de organizar en Vigo esta iniciativa na que as pequenas e medianas empresas galegas teñen a posibilidade de coñecer estratexias que contribúan a súa dixitalización e a súa aposta pola innovación e o talento para “crecer e gañar en tamaño e ser así máis competitivas”.

 

 

También te podría gustar...