Feijóo destaca a aposta da Xunta por reforzar o carácter turístico do Castelo de Monterrei e lembra que segue sendo público, mantén o seu carácter cultural e garante o emprego

image_galleryO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Administración autonómica por reforzar o carácter turístico do Castelo de Monterrei e lembrou que segue sendo público na súa totalidade, que mantén o seus usos culturais e garante os postos de traballo actuais.

Así o expresaba o titular da Xunta esta mañá en Monterrei, onde visitou, acompañado pola directora de Turismo, Nava Castro, as novas instalacións do Castelo, cuxa posta en marcha considerou importante para a comarca, para a provincia e para Galicia. Como engadiu Feijóo, con este novo establecemento refórzase a posición turística da comarca e, por tanto, a súa capacidade para xerar, desde o turismo, riqueza e emprego.

Con respecto a isto, o mandatario galego puxo en valor o proxecto de rehabilitación para conservar dito ben cultural, cun investimento “de máis de 3 millóns de euros” -tanto na adecuación do Castelo como dos seus arredores-.

Nesta liña, co fin de facilitar as visitas a este complexo, o mandatario galego anunciou que “imos facer os accesos e imos investir máis de 600.000 euros”.

Segundo insistiu Feijóo, a finalidade desta actuación é empregar o edificio para usos culturais, que se manteñen como obxectivo prioritario para revitalizalo con programas como ‘Vive o Castelo’, e tamén para usos turísticos, sen que deixe de ser público.

Rendibilidade, riqueza e emprego
Nesta liña, o presidente da Xunta fixo fincapé en que este proxecto que hoxe botou a andar oficialmente vai garantir rendibilidade, riqueza e emprego para a comarca. No que atinxe a este último punto, Feijóo subliñou que, con esta aposta reforzada, as 14 persoas que xa traballaban no Parador non só teñen garantido que se manterán os seus postos de traballo, senón que estes serán máis estables.

O mandatario galego concluíu que, grazas a esta iniciativa, recóllense os froitos do compromiso da Xunta cunha das riquezas culturais máis importantes de Ourense, como é o Castelo, abríndoo en parte ao uso hoteleiro pero garantindo que siga sendo público e manteña o seu carácter cultural.

También te podría gustar...