En marcha a campaña ‘Prevención de riscos no tractor’

  • A Xunta e a Delegación do Goberno poñen en marcha a campaña ‘Prevención de riscos no tractor’ para reducir a sinistralidade con especial atención no rural
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, participaron na presentación desta iniciativa
  • A actuación pretende alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros e achegar á poboación recomendacións básicas para evitar ou minimizar ao máximo os accidentes neste tipo de vehículos
  • Distribuiranse 32.500 trípticos e 200 carteis nos controis de tráfico da Garda Civil en estrada para tractores, puntos fixos da ITV e as súas unidades móbiles específicas para tractores e nos concellos galegos

A Coruña A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participará na presentación dunha campaña conxunta coa Delegación do Goberno de Galicia para a prevención de accidentes de tractor. Na Delegación do Goberno. 25/11/2016 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

 

A Xunta e a Delegación do Goberno de Galicia colaboran na posta en marcha da campaña Prevención de riscos no tractor co obxectivo de reducir a sinistralidade neste ámbito con especial atención no rural.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentaron esta iniciativa conxunta, que se centra en alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos accidentes, e achegar as recomendacións básicas coas que se evitarían moitos sinistros deste tipo.

A campaña recolle información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos e pola súa incidencia causal nos accidentes con tractor como son a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Toda esta documentación plásmase nos 32.500 trípticos e 200 carteiras que se distribuirán nos controis de tráfico da Garda Civil en estrada específicos para tractores, nos puntos fixos da ITV e nas súas unidades móbiles para os vehículos agrarios e nos concellos galegos.

Esta campaña, tal e como destacou Toca, dá continuidade e completa outras actuacións que se están a desenvolver nos últimos anos por ambas administracións co mesmo obxectivo: reducir a sinistralidade e concienciar cara a unha cultura preventiva no uso do tractor, con especial fincapé no medio rural.

A secretaria xeral de Emprego fixo fincapé, ademais, no labor que está a desenvolver o ISSGA para minimizar ao máximo este tipo de accidentes salientado, ao respecto, que nos accidentes mortais en tractor máis do 95% de persoas non están afiliadas ao réxime especial agrario, é dicir, son sinistros non laborais sendo a idade medida da maior parte dos sinistros de máis de 65 anos. A meirande parte deles prodúcense cando se realizan tarefas agrarias ou nos seus desprazamentos.

Neste senso, a secretaria xeral de Emprego apuntou que 2015 se pechou sen ningún accidente mortal co uso de tractor no ámbito laboral.

Axenda 20

Por último, Toca lembrou que a Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral, ten como un dos seus obxectivos principais garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competitividade.

Ademais, subliñou que o sector agrícola é clave na economía galega e, por iso, indicou que é tamén un reto prioritario mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras galegas no ámbito rural. Para iso, explicou que a Xunta, a través do ISSGA, deseña medidas encamiñadas á prevención de riscos neste sector que dan resposta ás demandas do tecido empresarial galego.

Para rematar, a secretaria xeral de Emprego salientou que a prevención de riscos no traballo é unha actuación de todos os interlocutores sociais. “Todos estamos unidos por un obxectivo común, mellorar as condicións de traballo e reducir a sinistralidade”.

También te podría gustar...