• O conselleiro de Sanidade destaca que non só benefician a quen os recibe, senón tamén ao seu contorno é a sociedade no seu conxunto
  • Vázquez Almuiña presidiu onte a inauguración do XXX Congreso Nacional de Coordinadores de Transplantes
Vázquez Almuiña presidiu onte a inauguración do XXX Congreso Nacional de Coordinadores de Transplantes Auotría: Moncho Fuentes / AGN

Vázquez Almuiña presidiu onte a inauguración do XXX Congreso Nacional de Coordinadores de Transplantes Auotría: Moncho Fuentes / AGN

En Galicia houbo 2.373 doadores de órganos e 6.857 transplantes dende 1981, ano en que comezaron a realizarse estas intervencións na Comunidade Autónoma. Estes logros, que se realizan nun sistema sanitario público e cunha cidadanía comprometida e solidaria, converten á sociedade galega “nunha sociedade mellor, máis equitativa e responsable con ela mesma”, segundo destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

O conselleiro presidiu hoxe a inauguración do XXX Congreso Nacional de Coordinadores de Transplantes, onde salientou que Galicia sempre estivo moi involucrada e comprometida con esta actividade. Neste sentido, indicou que “salvar vidas é posible, e unha das formas máis gratificantes de facelo é mediante a doazón de órganos ou tecidos”.

Así, sinalou como principais protagonistas a aquelas persoas que, nun momento vital moi difícil, no que perden a un achegado moi querido, toman unha decisión dura e, ao tempo, xenerosa: doar. Ademais, engadiu, diante das cifras de transplantes hai outras persoas: os receptores deses órganos e as súas familias, xa que os transplantes non só benefician a quen os recibe, senón tamén ao seu contorno é a sociedade no seu conxunto. Por iso, afirmou, esas máis de 6.000 persoas transplantadas se traducen en cerca de 30.000 cidadáns beneficiados.

Recoñecemento aos profesionais
Vázquez Almuiña fixo un recoñecemento aos profesionais do Servizo Galego de Saúde, dos que salientou que co seu traballo diario, o seu esforzo e dedicación fan posibles estes resultados. A avaliación continua do traballo que levan a cabo debe ser un exemplo para outros sectores, considerou, xa que leva a que probablemente se volvan alcanzar cotas de doazón que ningún outro país ten alcanzado.

“O obxectivo principal de calquera organización de transplantes é lograr que a aceptación social da doazón de órganos sexa excelente -afirmou-. Por iso, se queremos que o día de mañá continuemos dispoñendo dun sistema de transplantes do que poida beneficiarse calquera persoa que o necesite, é preciso que hoxe digamos si á doazón”.

Dos 6.857 transplantes realizados en Galicia dende 1981, 3.666 son transplantes renais, 1.864 transplantes hepáticos, 719 transplantes cardíacos, 506 transplantes pulmonares e 102 de páncreas.