O VINTE POR CENTO DOS PACIENTES DIAGNOSTICADOS DE GLAUCOMA EN OURENSE PRESENTAN XA UNHA PERDA DE VISIÓN AVANZADA

  • No Día Mundial do Glaucoma o Servizo de Oftalmoloxía lembra a importancia cumprir coas revisións periódicas da vista na procura da súa detección precoz
  • Seu diagnostico precoz sumado a un correcto seguimento do tratamento farmacolóxico permite o mantemento da capacidade visual nun 80% dos casos
  • Por tratarse dunha patoloxía silente e que non soe dar síntomas ata fases xa avanzadas, a Unidade de Glaucoma lembra a necesidade de realizarse controis da Presión Intraocular
  • Segunda causa principal de cegueira, segundo a OMS, ten alta incidencia en Ourense, que tamén rexistra maior prevalenza a nivel europeo dun dos tipos de glaucoma mais agresivos

SERGASO 20% dos pacientes, que son diagnosticados de Glaucoma polo Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, presentan unha importante perda de visión xa que, por tratarse dunha patoloxía “silente” e que en xeral non da síntomas, a maioría non son diagnosticados ata que a perda de visión está moi avanzada.

Precisamente por elo, coincidindo coa celebración hoxe do Día Mundial desta enfermidade, a Unidade de Glaucoma do Servizo de Oftalmoloxía do CHUO, desexa lembrar a importancia de seguir os controis periódicos da vista, especialmente a partir dos 65 anos, cando esta enfermidade é mais prevalente, pero tamén, entre os 40 e os 45 anos, realizándose controis da Presión Intraocular, que cando é alta se converte nun signo de alerta para unha exploración mais completa.

Estes controis son especialmente importantes, xa que estímase que entre 7.000 e 10.000 ourensáns poderían padecer Glaucoma, segunda causa principal de cegueira no mundo, e que na nosa provincia presenta unha alta incidencia, que a Unidade de Glaucoma do CHUO estima se eleva ata o 6,5% nos maiores de 65 anos, polo que o envellecemento poboacional podería explicar súa alta prevalenza, xa que este grupo de idade representa ao 30% da poboación de Ourense.

Envellecemento e “herdanza celta”

Ademais do factor multiplicador do envellecemento poboacional, Ourense é unha das provincias con maior incidencia a nivel europeo do Glaucoma Psedoexfoliativo, tipo de glaucoma moi pouco frecuente no resto do estado, pero con altas taxas de incidencia no Sur de Galicia, Escocia e nos países escandinavos. O pseudoexfoliativo é responsable en Ourense de ao redor do 50% dos diagnósticos de glaucoma crónico (ou de ángulo aberto).

A pseudoexfoliación é un síndrome sistémico de causa descoñecida que, ademais doutras complicacións oculares, incrementa os factores de risco de padecer glaucoma, sendo mais agresivo, con rápida progresión, peor prognóstico e menor resposta aos tratamentos farmacolóxicos e cirúrxicos.

Descoñécense as causas da súa inusual incidencia no Sur de Galicia pero, tendo en conta a incidencia do factor xenético ou hereditario, distintos estudios suxiren unha explicación histórica ou etnográfica, tendo en conta as migracións dos pobos escandinavos e a herdanza celta.

Detección precoz vs achado casual

O termo glaucoma designa a un grupo de enfermidades caracterizadas pola perda gradual e progresiva de visión, causada por un dano no nervio óptico. Os principais factores de risco do glaucoma son a Hipertensión Ocular -ou o que é o mesmo a Presión Intraocular Alta- a idade, a diabetes, a miopía elevada (+ de 8 dioptrías), e os antecedentes familiares de glaucoma, entre outros.

De todos eles, o único factor modificable, e no que se pode actuar para previr seu avance, é a hipertensión ocular, xa que existe na actualidade un amplo abano de fármacos de gran efectividade e modernas técnicas cirúrxicas.

Por elo, pese a que a perda de visión é irreversible, xa que as células afectadas do nervio óptico non se poden recuperar, é moi importante instaurar o tratamento canto antes, xa que, como subliña a responsable da Unidade de Glaucoma en Ourense, Paula Vázquez de Parga, “Na actualidade un diagnóstico precoz, sumado a un rigoroso seguimento do tratamento, permite controlar a perda de visión nun 80% dos casos ou, aló menos, limitar a súa progresión”.

Os tratamentos farmacolóxicos son cada vez mais efectivos e sinxelos, consistentes en botar diariamente unhas gotas, pero ademais, os especialistas contan con novos fármacos que, como os baseados nas prostaglandinas, permiten ofertar un tratamento, ben tolerado polos pacientes, para algúns tipos de glaucoma mais complexos, protexendo a conxuntiva de cara mellores resultados cirúrxicos.

Tan só un pequeno porcentaxe de pacientes require solución cirúrxica, normalmente asociada a redución da presión intraocular. En Ourense, realízanse anualmente ao redor de 70 intervención deste tipo, cirurxía que reviste unha gran complexidade e seguimento, pese a realizarse de xeito ambulatorio nun corto espazo de tempo, grazas a aplicación en Ourense de técnicas de microcirurxía, minimamente invasivas como a Esclerectomía Profunda non Perforante, e os novos dispositivos de drenaxe, que se comezaron a aplicar de xeito pioneiro en Ourense hai uns anos.