• Medio Ambiente e Sogama publican un decálogo de consellos para vivir un Nadal sustentable
  • Entre outras recomendacións, dá claves para evitar o desperdicio de alimentos e para converter os regalos en “agasallos verdes”
  • Aposta, ademais, por adornos de Nadal respectuosos co medio ambiente e polo consumo responsable

 

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) veñen de facer público un decálogo con consellos para vivir un Nadal sustentable.

O documento, que está dispoñible na web www.sogama.es, aporta recomendacións e ideas en distintos ámbitos, como o consumo responsable, a alimentación ou a reciclaxe.

Así, entre outros consellos, propón dar preferencia a adornos reutilizados e elaborados con materiais reciclados, así como por optar por luces de baixo consumo ou con temporizador. Os regalos de Nadal tamén se poden converter en “agasallos verdes”, se se opta por obsequios fabricados con materiais reciclados, duradeiros e ecolóxicos. Non só iso, senón que o envoltorio pode facerse con papel usado ou reciclado que, cun pouco de imaxinación, permite resultados sorprendentes.

As comidas son outro dos puntos centrais destas festas. España é o sétimo país da Unión Europea que máis comida desperdicia, ao redor de 7,7 millóns de toneladas anuais. Pequenos xestos permiten inverter esta tendencia, como elaborar unha lista co que realmente se precise; colocar os alimentos na despensa por orde de prioridade de consumo; ou conxelar os máis perecedoiros.

E dando un paso máis adiante, as sobras das comidas serven, á súa vez, para elaborar outros menús. Na páxina web de Sogama (www.sogama.es) está a disposición dos internautas o recetario “Para repañar o prato!”, un libro no que se poden atopar deliciosos pratos e sobremesas elaborados con sobras de comida.

As festas do Nadal constitúen tamén unha boa oportunidade para seguir aplicando a regra dos 3R: reducir, reutilizar e reciclar. E para conseguir reciclar, é preciso tamén separar e depositar os residuos no contedor correspondente.

En definitiva, o obxectivo é continuar impulsando nestas festas prácticas respectuosas co medio ambiente, que se poden incorporar á vida diaria e que facilitan que, todos xuntos, academos un mundo mellor.

10 CLAVES PARA UN NADAL SOSTIBLE

1. APOSTA POR UN CONSUMO RESPONSABLE. Non caias nas compras compulsivas, planifícaas con suficiente antelación e non sexas vítima das présas de última hora, co risco do incremento de prezo dalgúns artigos. Adquire o que realmente necesites, axústate ao teu presuposto e non te deixes levar pola publicidade.

2. ADORNOS DE NADAL RESPECTUOSOS CO MEDIO AMBIENTE. Se elixes un abeto natural, asegúrate de que ten suficientes raíces e cepellón (terra adherida), régao e afástao da calefacción para que dure o suficiente. E, concluído o Nadal, lévao a un punto de recollida onde o trasplanten. Así mesmo, dá preferencia aos adornos reutilizados e elaborados con materiais reciclados e opta por luces de baixo consumo e con temporizador.

3. EVITA O DESPILFARRO ALIMENTARIO. España é o sétimo país da Unión Europea que máis comida malgasta (en torno a 7,7 millóns de toneladas anuais). Con sinxelos xestos poderemos invertir esta tendencia. Por exemplo, elabora unha lista da compra co que realmente necesites, coloca os alimentos na despensa por orde de prioridade en canto ao seu consumo, conxela os máis perecedeiros, vixía o bo funcionamento do frigorífico e diferenza claramente entre data de caducidade e consumo preferente. Estas e outras recomendacións figuran en www.aproveitadoquechesobra.es.

4. APROVEITA AS SOBRAS DAS COMIDAS. Con elas podes elaborar suculentos e atractivos menús. O libro de receitas de cociña “Para repañar o prato!”, á túa disposición en www.sogama.es, pode servirche de axuda. Aí atoparás deliciosos primeiros e segundos pratos, así como sobremesas, que foron elaborados con sobras de comidas, ademais dunha serie de trucos para conservar os alimentos por máis tempo.

5. CONSOME PRODUTOS LOCAIS E DE TEMPADA. Adoitan ser máis saborosos e económicos, e teñen unha menor pegada ecolóxica.

6. AGASALLOS “VERDES”. Os obsequios fabricados con materiais reciclados, duradeiros e ecolóxicos son unha boa opción. E para o envoltorio, bota man de papel xa usado ou papel reciclado. Cun pouco de imaxinación pódense conseguir resultados sorprendentes.

7. O PODER DOS 3R. Reduce, Reutiliza e Recicla de forma permanente. Reduce a produción de lixo (o usar e tirar tense que acabar), reutiliza ao máximo os produtos para alongar a súa vida útil (o tarro da marmelada pódese converter nun lapiseiro, pero tamén nun floreiro) e clasifica os residuos en orixe para que poidan ser reciclados e transformados en novos produtos. Con isto contribuirás ao aforro de enerxía e materias primas.

8. CADA COUSA AO SEU SITIO. A reciclaxe só é viable se houbo previamente unha separación dos residuos por tipoloxías e un correcto depósito dos mesmos no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; contedor específico para pilas; contedor verde convencional para a fracción resto. Os puntos limpos municipais están destinados a acoller aqueles refugallos que, dadas as súas especiais características, non se poden depositar nos contedores habilitados a pé de rúa: voluminosos, de liña branca (electrodomésticos) e de liña marrón (mobles), fluorescentes, aceites, etc. A través de www.oportunidadesparareciclar.gal podes obter toda a información sobre o sistema de recollida selectiva en Galicia.

9. A AUTOCOMPOSTAXE, UNHA MAGNÍFICA ALTERNATIVA PARA OS RESIDUOS ORGÁNICOS. Se habitas nunha vivenda unifamiliar e dispós de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo), tes a opción de compostar a materia orgánica producida no teu fogar e obter un abono natural de alta calidade co que substituír aos fertilizantes artificiais. Se non dispós de composteiro, ensinámosche como fabricalo ti mesmo. Entra en www.compostaconsogama.gal.

10. E LOGO DO NADAL, QUE NON DECAIGA O EMPEÑO: MÁIS CONCIENCIA AMBIENTAL. Mantén as boas prácticas ambientais, incorpóraas á túa vida diaria como un hábito máis e coopera na tarefa de concienciación cidadá. O esforzo paga a pena: un mundo mellor, para nós, para os nosos fillos e para as xeracións vindeiras.