D.O. Valdeorras: a Ruta do Viño de Valdeorras xa ten nova xunta directiva e reunión coa Marea

  • Elixida a nova xunta directiva da Ruta do Viño de Valdeorras no marco dunha asemblea celebrada onte
  • Aprobouse, ademais, que a Ruta do Viño de Valdeorras pase a ser membro do Cluster de Turismo de Galicia para, posteriormente, integrarse na marca “Enoturismo de Galicia”
  • Con anterioridade á celebración desta asemblea, o presidente do Consello Regulador reuniuse con Davide Rodríguez, deputado de En Marea por Ourense e membro da Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia

 

Esta tarde celebrouse nas dependencias do Consello Regulador da D.O. Valdeorras unha asemblea da Ruta do Viño na que se elixiu á nova xunta directiva do organismo. O presidente do Consello Regulador Francisco García, formará parte desta directiva en representación da D.O. xunto a outras seis persoas (dúas procedentes do sector público: concellos da Rúa e do Barco; dúas do eido das adegas e industrias agroalimentarias: Alán de Val e Godeval, e outras dúas procedentes do sector hostaleiro e de ocio da comarca: Pazo do Sil e Pazo do Castro). A partir da vindeira semana elixirase, de entre os membros da xunta directiva, ao presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e vogais do organismo.

 Xunto a isto, na xuntanza desta tarde aprobouse tamén que a Ruta do Viño pase a ser membro do Cluster do Turismo de Galicia como paso previo para a súa futura integración na marca “Enoturismo de Galicia”, que foi presentada recentemente en Santiago e da que xa forman parte as outras catro rutas do viño existentes na Comunidade Autónoma.

 Xuntanza do presidente do Consello Regulador co deputado ourensán de En Marea, Davide Rodríguez

Xuntanza do presidente do Consello Regulador co deputado ourensán de En Marea, Davide Rodríguez

 

 Reunión coa Marea

Con anterioridade á asemblea da Ruta do Viño, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras reuniuse con Davide Rodríguez, deputado de En Marea por Ourense e membro da Comisión de Agricultura, Gandaría, Alimentación e Montes do Parlamento de Galicia. Francisco García trasladoulle ao deputado ourensán diversas demandas do Consello Regulador para que sexan situadas no centro do debate político.

 Entre as reivindicacións máis salientables que o presidente do Consello Regulador trasladou a En Marea destacan a necesidade de que se produza unha maior implicación gobernamental coas iniciativas de emprendemento ligadas ao sector do viño; que haxa un maior apoio institucional nos actos promocionais que Valdeorras leva a cabo como, por exemplo, a Feira do Viño; que se aposte polo establecemento de contratos homologados para a uva na comarca e que se aposte, tamén, máis decididamente por articular accións de promoción dos viños da comarca de modo conxunto con outras denominacións de orixe, non só vinícolas senón tamén, por exemplo, alimentarias.

Xunto a isto, avogou porque non se discrimine a Valdeorras fronte a outros territorios cando se precise articular liñas de axudas dirixidas a paliar danos nas cepas que poidan producirse por diversas enfermidades fitosanitarias ou fenómenos meteorolóxicos adversos.

 

También te podría gustar...